José Canalejas

José Canalejas, nado en Ferrol o 31 de xullo de 1854 e finado en Madrid o 12 de novembro de 1912, foi un político galego que exerceu o cargo de presidente do goberno entre os anos 1910 e 1912.

Era fillo de José Canalejas Casas, un enxeñeiro e político barcelonés que viñera a Ferrol en 1854 para facerse cargo da Escola de Maquinistas da Armada[1], dirixindo tamén o periódico El Eco Ferrolano[2] e da sevillana María del Amparo Méndez Romero. Instalado coa súa familia en Madrid en 1855 cursou os seus primeiros estudos no Colexio de Santoja e o bacharelato no Instituto de San Isidro. Neno prodixio, traduce ós dez anos do francés ó español unha pequena obra titulada Luis o el joven emigrado. Con só once oficia de correspondente político de prensa baixo o pseudónimo de “El cantor de Mugardos”.

Inclinado por igual polas leis e polas humanidades, cursou á vez Dereito e Filosofía e Letras, doutorándose nas dúas carreiras. En 1872 é contratado como axudante da cátedra de “Principios xerais da lingua e Literatura Española”. Concursa dúas veces á cátedra de Literatura na Universidade Central de Madrid pero non a consegue. A primeira vez gáñaa Marcelino Menéndez Pelayo, e a segunda Antonio Sánchez Moguel.

Chegou a ocupar os máis altos cargos de diferentes institucións. Foi decano do Colexio de Avogados de Madrid e presidente da Real Academia de Lexislación e Xurisprudencia. Formou parte da Academia de Ciencias Morais e Políticas e foi membro de número da Real Academia Española da Lingua.

Simpatizante do Partido Demócrata Progresista, de ideas republicanas, abandonaría estas ideas cando se produza a restauración dinástica dos Borbóns integrándose nas filas do Partido Liberal de Sagasta, entón dirixido por Cristino Martos.

En 1876, Canalejas incorpórase ó Colexio de Avogados de Madrid, adquirindo dende os seus primeiros tempos de exercicio profesional a máis alta reputación. A súa dialéctica era áxil e contundente.

Será deputado por Soria en 1881 e, posteriormente, por Ágreda, Alcoi e Alxeciras. Ocuparía diversos cargos durante a rexencia de María Cristina (1885-1902). Sería, en 1883, subsecretario da Presidencia e a comezos de 1888 Ministro de Fomento. Máis tarde, en decembro, seríao de Graza e Xustiza. No período do 17 de decembro de 1894 ó 23 de marzo de 1895 desempeñou a carteira do Ministro de Facenda, e en 1902 a de Agricultura, Industria e Comercio.

En 1910 foi nomeado xefe de goberno tras os dramáticos acontecementos da Semana Tráxica de Barcelona e a caída de Antonio Maura.

A cuestión relixiosa resolveuna na chamada Ley del Candado (“Lei do Cadeado”) de 1910, que delimitaba as áreas de influencia da Igrexa e do Estado. Con relación ó problema catalán, propuxo o Proxecto de mancomunidades, en colaboración con Prat de la Riba. Interveu na cuestión marroquí, coa ocupación de Larache, Arcila e Alcazarquivir.

Foi asasinado a tiros en Madrid en 1912 por un anarquista cando se encontraba mirando o escaparate dunha librería da Porta do Sol.

Advertisements