Teoría Riscos

ESQUEMA DA UNIDADE

  1. Introdución
  2. Repercusións ambientais da acción humana: Contaminación, cambio climático, pegada ecolóxica.
  3. Respostas e solucións cara a sustentabilidade.
  4. A paisaxe:recurso común, interpretación e transformacións recentes.
  5. O patrimonio natural español e categorías de protección.

1) INTRODUCIÓN

Concepto de risco natural

Risco é toda fonte de perigo que pode causar danos e a probabilidade de que os danos se produzan. O risco non depende só da perigosidade dun fenómeno; tamén inflúe a exposición, é dicir, a cantidade de persoas e bens materiais que poden sufrir o acontecemento perigoso.

Tipos de riscos

Os riscos pódense clasificar en tecnolóxicos e naturais. Os riscos tecnolóxicos son consecuencia directa das accións humanas. Os riscos naturais son aqueles que se derivan de procesos naturais. Estes riscos poden ser de varios tipos:

  • Riscos cósmicos: teñen a súa orixe fóra do noso planeta e principalmente son a caída de meteoritos e os derivados de cambios na cantidade de radiación solar que nos chega.
  • Riscos biolóxicos: débense á actividade de seres vivos e os máis importantes son a produción de pragas e angazos, deterioro ocasionado nas construcións por microorganismos, vexetais e aves.
  • Riscos xeolóxicos: son aqueles que se derivan dos procesos xeolóxicos e agrúpanse en dúas categorias: endóxenos e exóxenos.

Factores de risco

Factores de risco é todo aquilo que condiciona ou inflúe na intensidade dos efectos, no alcance do dano ou na ocorrencia do risco. O coñecemento dos factores de risco é fundamental para a predición e prevención dos mesmos. Así, a magnitude dun risco depende dos factores de risco seguintes:

Perigosidade: probabilidade de que ocorra un suceso, potencialmente perxudicial, nunha rexión e nun momento determinado. A representación dos grados de perigosidade dun suceso constitúe un mapa de perigosidade. Para calculala hai que considerar varios factores:

  • Distribución do suceso: é necesario coñecer que zonas foron anteriormente afectadas polo suceso, ademáis é importante establecer a extensión superficial afectada por o suceso.
  • Tempo de retorno ou intervalo de recurrencia: é a periodicidade con que se repite o suceso e calcúlase baseándose nos sucesos ocorridos no pasado.
  • Grao de perigosidade: indica a intensidade con que un fenómeno pode afectar á zona considerada. Para determinalo é preciso coñecer a natureza do suceso, a súa magnitude, a súa distribución xeográfica e a súa frecuencia. Moitas veces considéranse dous grados de perigosidade, máxima (equivalente ao suceso de maior magnitude ocorrido na zona sometida a estudo) e media (corresponde ao suceso cuxa intensidade é máis frecuente nesa zona).

Exposición ou valor: número total de persoas ou a cantidade total de bens materiais que poden verse afectados por un suceso. Os mapas de exposición elabóranse tomando como referencia a densidade de poboación, e dividindo a zona segundo o seu número de habitantes.

Vulnerabilidade: proporción con relación ao total exposto, de vítimas humanas ou de perdas económicas causadas por un suceso. A representación gráfica constitúe un mapa de vulnerabilidade, ademais para a estimación das perdas económicas utilízase o índice de custo (valor medio das perdas previsibles en unidades monetarias, por persoa e suceso).

Prevención de riscos

Consiste en facer unha planificación establecendo medidas de protección fronte aos diferentes tipos de riscos. As medidas a adoptar, para enfrontarse a un risco, poden ser de tres clases:

  • Medidas predictivas: teñen como obxectivo indicar, con anticipación, onde, cando e con qué intensidade vai ocorrer un determinado suceso. Para iso é importante a elaboración de mapas de perigosidade, o estudo de precursores do suceso e a instalación de redes de vixilancia.
  • Medidas preventivas: están encamiñadas a diminuír ou evitar os danos derivados dos diferentes riscos. Á súa vez poden ser de dous tipos, estructurais (edificacións que rebaixen a vulnerabilidade) ou non estructurais (a elaboración de mapas de risco e a ordenación do territorio)
  • Medidas correctoras: a súa finalidade é evitar, no posible, as catástrofes naturais. Entre elas cabo destacar a elaboración de mapas de risco e a realización de construcións correctoras.

Riscos inducidos

Gran parte dos riscos naturais poden ser provocados ou potenciados pola acción antrópica, a este tipo de riscos chámaselle riscos naturais inducidos ou riscos mixtos. Os riscos naturais inducidos son desencadeados pola acción humana e logo seguen unha dinámica natural. Por exemplo, a deforestación dunha ladeira pode provocar unha intensificación da erosión coa choiva; os incendios provocados, deixarán o chan sen vexetación e exposto á erosión. Outros exemplos que podemos poñer sería a subsidencia (afundimento) do terreo como consecuencia da extración de fluídos do subsolo (caso do auga, petróleo, ou gas natural). Isto supón un risco para as diversas obras, como edificacións ou canles.

2) REPERCUSIÓNS AMBIENTAIS DA ACCIÓN HUMANA: CONTAMINACIÓN, CAMBIO CLIMÁTICO E PEGADA ECOLÓXICA.

Na actualidade moitas actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas, especialmente sobre o medio: a contaminación e o cambio climático quizais sexan dúas das máis preocupantes, por esta razón ás veces é necesario realizar avaliacións de impacto ambiental.

Contaminación

A contaminación é unha das maiores consecuencias ambientais e sociais negativas que teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha substancia en cantidade abonda como para provocar algún dano ou desequilibrio, irreversible ou non, e que pode ser perxudicial para a saúde, para a seguridade ou o benestar da poboación ou para a vida vexetal ou animal.

A contaminación pódese clasíficar segundo:

Medios aos que afecta:

Contaminación atmosférica: Os principais contaminantes (en especial o dióxido de carbono) proceden de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias, xeración de enerxía eléctrica e calefaccción doméstica, así como da evaporación de disolventes orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.

contaminacionatmo

Contaminación da auga: Xeralmente a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de verteduras e refugallos industriais (con presenza de metais e de augas con elevada temperatura) así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de vilas e cidades. As industrias españolas recoñecen oficialmente que cada ano verten máis de 1.200.000 toneladas de substancias contaminantes á auga.

contaauga

Contaminación do solo: Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de canalizacións de augas residuais e produtos industriais. Os produtos químicos máis habituais son os derivados de petróleo, disolventes, insecticidas e metais pesados. Este tipo de contaminación está estreitamente relacionado co nivel de industrialización. A súa acción pode ser directa ou ben ao entrar en contacto con cursos de auga potable.

La-contaminación-de-suelo

Método contaminante ambiental:

Contaminación química: Significa a introdución de substancias potencialmente perigosas para a saúde e para o ámbito da terra, nos alimentos, no aire ou na auga. Por exemplo, o uso excesivo de insecticidas agrícolas pode afectar os acuíferos e repercutir na saúde humana.

quimica

Contaminación radiactiva: Derivada da dispersión de materiais radioactivos, como o uranio enriquecido, usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais enerxéticas, en probas atómicas, e que se produce por accidente (como o de 1986 en Chernóbil, Ucraina) ou pola manipulación de residuos radiactivos.

radioactiva

Contaminación acústica: É a contaminación debida ao ruído, ao son excesivo ou molesto provocado polas fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer. Pode provocar malestar, irritabilidade, insomnio e xordeira parcial. Se ben o ruido no se acumula nin se traslada, nin se mantén no tempo, coma as outras contaminacións, pode causar danos na calidade de vida das persoas e no medio. Algúns ruídos da cidade están por riba do principio da dor ao son (uns 120 decibelios).

ruido

Contaminación térmica: Ten lugar no momento en que un proceso vén modificar a temperatura do medio de forma prexudicial, por exemplo debido á vertedura de auga quente nun río: o incremento da temperatura dininúe a solubilidade do osíxeno na auga, polo que pode provocar unha gran mortaldade de peixes.

calentamiento-oso-polar

Contaminación electromagnética: É a producida a partir das radiacións xeradas por equipos electrónicos e por instalacións eléctricas. Ademais de crear problemas nos aparellos eléctricos e na transmisión de datos, pode afectar a saúde humana; neste sentido, as antenas de telefonía móbil son unha fonte constante de polémica.

elementoContaminante

Contaminación luminosa: Refírese ao resplandor de luz difundido no ceo nocturno e producido pola luz artificial procedente das cidades, dos vehículos e doutras infraestructuras. Obriga a moitas especies animais e vexetais a cambiar os seus hábitos nocturnos.

luminosa

Contaminación visual: Prodúcese cando a abundancia, a desorde ou o tipo de elementos que se achan na paisaxe deterioran a súa estética. De forma consciente ou non, esta contaminación créanos malestar e afecta a nosa calidade de vida.

Contaminacion-visual-3

A contaminación xera graves danos, atenta contra a vida das persoas, animais e plantas e deteriora o noso planeta cada vez con máis intensidade. A delimitación e limpeza das zonas contaminadas adoitan ser tarefas que consomen moito tempo e diñeiro. A actual lexislación española incorpora o delito ecolóxico a través do que se pode condenar (mesmo con prisión) aos que contaminen de xeito reiterado e consciente.

Segundo un estudo de Greenpeace, en España a contaminación ten unha relación directa coa incidencia de enfermidades e a mortalidade: no noso país morren prematuramente 16.000 persoas ao ano por efecto da contaminación atmosférica. Iso supón dez veces máis que a mortalidade que producen anualmente os accidentes de tráfico. Ademais, nas zonas máis industrializadas determinadas enfermidades coma o cancro, tamén inciden de forma de forma máis intensa, o qu evidencia unha relación directa entre contaminación industrial e enfermidades. En España 4.000 traballadores morren cada ano pola exposición a substancias químicas e máis de 33.000 enferman pola mesma causa.

Cambio climático

O cambio climático é a modificación que sofre o clima en relación ao paso do tempo e a nivel global. Sobre o clima inflúen moitos fenómenos: a órbita da Terra, o tipo e cantidade de insolación, a composición da atmósfera, a disposición dos continentes, as correntes mariñas. Ao longo da historia do noso planeta estes fenómenos foron variando de forma natural, así que, certamente, sempre existiron cambios climáticos.

Os seres humanos son un máis dos axentes que poden influir no cambio climático. Se ben durante moitos séculos a súa influencia foi moi reducida, nos últimos anos a cantidade e a intensidade das accións humanas sobre o planeta son tantas que están a inducir a notables transformacións das condicións climáticas e, o que é peor, a unha gran velocidade, o que impide a adaptación da natureza ás novas circunstancias.

Para se referir ao cambio de orixe humana, úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico, as accións humanas de hoxe non só están a condicionar o clima a longo prazo senón no futuro máis próximo.

O efecto invernadoiro e o quentamento global.

A enerxía solar quenta o solo terrestre, que devolve unha parte (un 37,5%) desa enerxía ao espacio exterior mentres que o resto é retido polos gases das capas superiores da atmósfera, producindo o seu quentamento. É o que se chama efecto invernadoiro xa que funciona igual que os cristais dun invernadoiro de xardinaría pero esta vez desenvolvéndose de forma natural: de aí o nome e o paralelismo. De feito, sen este efecto a temperatura media na Terra sería duns -22ºC: os océanos poderían conxelarse e a vida humana sería imposible tal como a coñecemos agora. Grazas ao efecto invernadoiro, a temperatura media é de 14ºC.

O preocupante é que nos últimos tempos a proporción dos gases que provocan este efecto (CO2, metano e clorofluorcarbonatos ou CFC, entre outros) se elevou enormemente de xeito que impide que saia ao espacio exterior parte da enerxía que emite a superficie da Terra. Como consecuencia, elévase a temperatura da atmosfera, empezando así un proceso de quentamento global e de cambio climático antropoxénico.

deshielos

O quentamento global e os océanos.

O aumento global da temperatura ten un efecto directo nos océanos. Desde o ano 1960 a temperatura media dos océanos aumentou 0,1ºC, pero as augas do océano Antártico fixérono en 0,2ºC. Iso, unido ao aumento da temperatura do aire, fai que se provoque o desxeo de grandes placas xeadas nas zonas ártica e antártica, así como tamén o dos glaciares terrestres. As prediccións indican que, se non cambian as condicións, antes do ano 2050 o volume de xeo dos glaciares diminuiría en máis de 60%: o desxeo estimado de Groenlandia é duns 240 km3 ao ano.

Co ascenso da temperatura global, a auga dos océanos tende a expandirse e a reducir a súa enorme capacidade de absorción de CO2, ademais de afectar ecosistemas básicos como o das algas, que están na base da cadea trófica dos animais mariños. O aumento de temperatura dos océanos pode transformar de xeito total non soamente o ritmo e forza das correntes senón a súa influencia non continentes. Algúns científicos aseguran que o incremento na forza de furacáns e tifóns e a virulencia de certas tormentas tamén é debido a estas alteracións térmicas.

Cambio-climatico

Alcance do cambio climático.

Hai quen minimiza as causas e os efectos do quentamento global e do cambio climático, argumentando que a natureza, por ela mesma, provoca tamén episodios de quentamento global (debido ás erupcións volcánicas que lanzan á atmósfera millóns de toneladas de carbón e gases) e de cambio climático (a Terra observou períodos glaciares con anterioridade). Pero a deferenza é que agora a causa esencial é a acción humana e que o ritmo acelerado lle impide á natureza non só a rexeneración natural dos gases senón a adaptación lenta e serena ás novas circunstancias: as consecuencias son imprevisibles.

Corenta e seis observatorios de entre os cincuenta situados nas capitais provincias detectaron un aumento de 1,63ºC de media anual no período 1971-2008. No que se refire á precipitación invernal (a que ten maior capacidade de xerar recursos hídricos aproveitables) neste mesmo período amosa un descenso do 34,3%, mentres que o número de días de neve baixa nun 41%. Pola contra, dáse unha alza sen excepción no número de días con temperatura media maior de 15ºC, o que indica unha tendencia ao aumento das vagas de calor, tanto en frecuencia coma en severidade.

Pegada ecolóxica

A chamada pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os regugallos que xera. O seu obxectivo consiste en avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo de vida.

A biocapacidade do planeta por cada habitante estimouse en 1,8 ha, ou o que é o mesmo, se tivésemos que repartir o terreo porductivo da Terra en partes iguais, a cada uno dos máis de 6.500 millóns de habitantes, corresponderíanlles 1,8 ha para satisfacer toas as súas necesidades durante un ano. Malia o anterior, cada ser humano está gastando a cantidade de 2,23 ha, polo que, a nivel global, se consomen máis recursos e se xeran máis refugallos dos que o planeta pode xerar e admitir.

Segundo os datos da última análise da pegada ecolóxica dos españois, cada habitante necesita como media 6,4 ha de territorio para satisfacer os seus consumos e absorber os seus residuos, que é case o triplo do que España se pode permitir

Tomado de “No espazo e no tempo”

3) RESPOSTAS E SOLUCIÓNS CARA A SUSTENTABILIDADE

O desenvolvemento sostible consiste no mantemento do desenvolvemento económico e social respectando o medio ambiente e sen poñer en perigo o uso futuro dos recursos naturais. Na actualidade considérase que a sostibilidade se debe lograr en tres niveis:

  • Sostibilidade económica (garantir o desenvolvemento económico ás xeracións futuras).
  • Sostibilidade ecolóxica (garantir a integridade do entorno ás xeracións futuras).
  • Sostibilidade social (garantir a calidade de vida de todos os habitantes do planeta)

Accións para un desenvolvemento sostible

    • Consecución dunha maior eficacia no uso dos recursos naturais, mediante a aplicación de novas políticas.
    • Adopción de medidas de recuperación de espazos naturais para evitar a deterioración ambiental, a deforestación e a perda de biodiversidade.
    • Redución e racionalización das capturas pesqueiras mediante as paradas biolóxicas.
    • Desenvolvemento de normativas adecuadas no referente ao uso de organismos transxénicos, fertilizantes, pesticidas e monocultivos.
    • Redución dos gastos militares e dos ocasionados pola investigación espacial.
    • Xestión axeitada dos residuos, dende a súa recollida (selectiva) ata a súa eliminación ou transformación.
    • Adopción de medidas efectivas fronte á contaminación, tanto tecnolóxicas coma legais (pagar as multas impostas por delitos contra o medio adoita resultar máis barato que tomar precaucións para evitar a contaminación).
    • Instauración dunha política de prezos razoable respecto ao consumo de auga.
    • Potenciación da educación para o desenvolvemento en todas as súas vertentes.
    • Consecución dunha axeitada lexislación en materia de ordenación do territorio e da vivenda.
    • Redución da taxa de emisión de CO2, seguendo os compromisos asinados no Protocolo de Kioto.
    • Doazón de polo menos un 0,7% do PIB para o desenvolvemento sostible dos países máis pobres.
    • Estabilización demográfica da poboación mundial.
    • Desenvolvemento de novas solucións baseadas en tecnoloxías ecolóxicas.
    • Valoración do desenvolvemento segundo o índice de calidade de vida, baseado en indicadores como a esperanza de vida, a mortalidade infantil e a alfabetización.
    • Educación nunha cultura de paz e de repartición equitativa da riqueza.
    • Instrución e capacitación de mozos e mulleres.
    • Valoración das culturas locais e de proxectos pequenos e flexibles como puntos de partida.

4) A PAISAXE: RECURSO COMÚN, INTERPRETACIÓN E TRANSFORMACIÓNS RECENTES.

Paisaxe é, en certa porción do espazo terrestre, o resultado da combinación dinámica e, polo tanto, inestable de elementos físicos, biolóxicos e antrópicos que interactuan uns sobre outros, facendo da paisaxe un conxunto único e indisociable en evolución permanente.

Elementos físicos son o relevo ou xeomorfoloxía, a xeoloxía, o clima, o chan e as augas…

Elementos biolóxicos son a flora, a fauna e os ecosistemas. A vexetación, pola súa sensibilidade e rapidez de adaptación, é moitas veces a clave que indícanos a relación entre medio natural e acción antrópica…

Elementos antrópicos non só inciden polo uso (os humanos como unha variable máis do sistema) senón pola interpretación que se fai da paisaxe, atribuíndolle valores e calidades…

5) O PATRIMONIO NATURAL ESPAÑOL E CATEGORIAS DE PROTECIÓN

Os espazos protexidos son aquelas áreas terrestres ou mariñas que, en recoñecemente aos seus valores naturais sobresaintes, están específicamente dedicadas á conservación da natureza e suxeitas, polo tanto, a un réxime xurídico especial para a súa proteción.

En España a protección da natureza ten o seu antecedente na Lei de Parques Nacionais de 1916. En 1975 promúlgase a Lei de Espazos Naturais Protexidos, pero a máis importante é a Lei de Conservación de Espazos Naturais de 1997. A protección dos espazos ten como finalidade:

  • Protexer áreas ou elementos naturais que teñan interese singular en función de criterios científicos, culturais, paisaxísticos, estéticos e recreativos.
  • Favorecer a supervivencia de especies ou comunidades, a través da conservación dos seus hábitats.
  • Colaborar nos programas internacionais de conservación de espazos naturais da que España forma parte.
  • Crear unha rede representativa dos principais ecosistemas españois.

Existen cinco tipos de espazos protexidos:

protegidos
Parques nacionais: É un espazo natural protexido de relativa extensión e características peculiares xa sexa pola súa estrutura xeolóxica, hidrográfica, vexetación, fauna, etc. Nesta zona prima a conservación sobre os demais usos do chan. Os Parques Nacionais Españois son quince: Doñana,Tablas de Daimiel. Picos de Europa. Ordesa e Monte Perdido, Serra Nevada, Cabañeros, Illas Atlánticas, Monfragüe, Serra de Guadarrama, Teide, Timanfaya, Cabrera, Caldeira de Taburiente, Garajonay

Parques naturais: É un espazo natural protexido de menor extensión que un Parque Nacional, no que se mantén como obxectivo a conservación ambiental pero, tamén á vez, a explotación de recursos primarios e o turismo rural. Neste momento Galicia ten declarados seis parques naturais: Fragas do Eume, Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, na provincia da Coruña; O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Baixa Limia-Serra do Xurés na provincia de Ourense; e Monte Aloia, en Pontevedra.

Reservas naturais: Lugar de interese científico onde prima este obxectivo sobre outros.

Monumentos naturais: Espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións singulares, dunha importante rareza ou beleza, obxecto de protección especial.

Paisaxes protexidas: Lugares do medio natural que polos seus valores estéticos e culturais merecen protección especial.

Advertisements