Práctica Riscos

Práctica 1) Mapas de riscos: xeolóxicos e climáticos

riesgo2Os riscos naturais son trazos ambientais que ameazan o benestar ou a vida humana polas consecuencias catastróficas que poden producir. Os máis frecuentes en España son de orixe xeolóxica e climática, e poden ocasionar cuantiosas perdas humanas e materiais, como danos en infraestructuras, edificios e colleitas.

As características xeolóxicas do territorio español, a súa situación climática na zona temperada do planeta, e a presenza de abundantes cursos fluviais e espazos de vexetación frondosa, favorecen a existencia dun amplo catálogo de perigos naturais. Estes riscos teñen a súa orixe nas características xeolóxicas e xeomorfolóxicas do país, así como nas súas condicións atmosféricas.

Riscos xeolóxicos:

Proceden do interior da Terra, en forma de sismos e erupcións volcánicas, ou do exterior, como os movementos de ladeira.

Os sismos ou tremores de terra débense á posición da Península na zona de contacto entre as placas africana e euroasiática, polo que ameazan principalmente o sur e o sueste peninsular. De forma secundaria, afectan aos Pirineos e a Cataluña, onde están motivados polos movementos de asentamento da cordilleira, que aínda non finalizaron.

As erupcións volcánicas limítanse ás illas Canarias de La Palma, El Hierro, Tenerife e Lanzarote. Nesta área sucedéronse diversas erupcións ao longo da historia polo que require unha vixilancia constante para tratar de predicir posibles erupcións e así poder minimizar os seus riscos. As maiores ameazas localízanse nas illas cun vulcanismo histórico, entre as que destaca Tenerfe, onde a actividade volcánica se combina cunha elevada ocupación humana do territorio. Na Península Ibérica existen outros sectores en que tiveron lugar fenómenos durante o Terciario ou Cuaternario, creando paisaxes volcánicas como as que podemos contemplar no cabo de Gata (Almería), o Campo de Calatrava (Cidade Real) e o Campo de Olot (Xirona).

Os movementos de ladeira son rápidos desprazamentos de grandes masas de terra ou de rochas por unha vertente. Poden ser de dous tipos:

– Os esvaramentos son propios de rexións húmidas con fortes pendentes cubertas por herba ou prados, que non suxeitan suficientemente un solo saturado por fortes chuvias. Poden producirse a partir dun horizonte arxiloso do solo ou dunha fractura da vertente.

– Os desprazamentos acontecen en vertentes en cuxo cumio tñen lugar roturas de rochas. Os fragmentos rotos rodan pola vertente; acumúlanse no lugar onde se suaviza a inclinación, e poden desprenderse se se producen tensións locais (conxelación, infiltración de auga, etc.).

En España as áreas con este tipo de risco son moi amplas, localizándose sobre todo en zonas con pendentes elevadas (áreas de montaña, acantilados, etc.). Os danos que ocasionan poden ser elevados, sobre todo cando afectan persoas, vivendas ou infraestruturas varias.

Riscos climáticos:

Son os que teñen a súa orixe en situacións atmosféricas extremas. En España os máis frecuentes son as inundacións e as secas.

As inundacións están motivadas por intensas precipitacións caídas en pouco tempo ou pola rápida fusión da neve. Os desbordamentos de ríos, corgas, barrancos e torrentes son, sen dúbida, o perigo natural que se presenta con maior frecuencia en España e o que orixina un maior número de efectos catastróficos. En moitas ocasións estes efectos negativos increméntanse por actuacións humanas inadecuadas, como a instalación de edificacións en áreas inundables, a obturación da desembocadura dos leitos de auga, etc.

As inundacións poden estar xeradas polo desbordamento de grandes cursos fluviais, a causa de chuvias abundantes e prolongadas, ou ben pola enchente súbita do caudal en corgas e barrancos, como consecuencia de precipitacións torrenciais. Estas últimas son as máis perigosas, porque o tempo de reacción para a evacuación da poboación é moi curto.

As rexións españolas máis afectadas polas inundacións son o País Vasco e Navarra, a depresión do Ebro, o litoral mediterráneo peninsular, a costa atlántica andaluza, as Illas Baleares, e as illas de Tenerife e Gran Canaria no arquipiélago canario.

Nos últimos anos leváronse a cabo obras de enxeñaría hidráulica para intentar reducir o perigo de inundación. Así mesmo, apróbanse normas que prohiben a construción de vivendas en áreas que presentan risco ante este tipo de episodios.

As secas son déficits pluviométricos temporais e prolongados respecto ás precipitacións medias dun territorio. A seca é un risco silecioso pero constante. Vaise manifestando pouco a pouco, pero cando a falta de chuvias alcanza un nivel de urxencia, os problemas comezan a manifestarse con toda a súa crueza. Prodúcense entón restriccións no abastecemento de agua das cidades, así como na que se utiliza para a rega agrícola.O conxunto do territorio español que presenta un risco máis elevado fronte a seca son as rexións do sur e sueste peninsular, así como as Canarias.

As solucións a estes episodios de seca non son fáciles e algunha delas, como a perforación de pozos, entraña perigos medioambientais de gran dimensión, domo a sobreexplotación dos acuíferos.

A actual lexislación española contempla medidas tales como transvasamentos, plantas de desalinización e reutilización de augas depuradas. Así mesmo, é importante concienciar a poboación sobre a necesidade dun uso racional da auga como primeira medida para minimizar estas situacións.

Outros riscos climáticos menos frecuentes
  • As tormentas de sarabia que se producen na primavera e no verán ocasionando danos nas produccións agrarias.
  • Os temporais de frío e neve, vinculados a vagas de frío intenso, que orixinan problemas de circulación viaria e danos nos cultivos.
  • Os temporais de vento que sacoden as costas españolas, ocasionando danos en praias, instalacións portuarias e paseos marítimos a causa da forte ondanada.
  • As vagas de calor, que poden causar víctimas mortais como consecuencia das altas temperaturas.
  • Os aludes de neve en zonas de montaña, que supoñen o escorregamento de capas superficiais de neve nas ladeiras das montañas.

As actuacións fronte aos riscos naturais son de catro tipos:

  1. A construción de infraestruturas para mitigar os máis frecuentes: drenaxe, plantación de árbores e reforzo das vertentes; reforestación e acondicionamento da canle dos ríos, e as obras hidráulicas para controlar as inundacións e paliar a seca.
  2. A creación de sistemas de previsión e de vixilancia nas áreas con máis risco: redes de vixilancia sísmica, volcánica e hidrolóxica, e plans de xestión da seca.
  3. As accións de emerxencia para protexer a poboación cando ser produce un fenómeno extremo. En España, estas accións coordínaas Protección Civil.
  4. A prevención dos riscos mediante o establecemento de normas que os eviten, e a educación e a información da cidadanía

Práctica 2) Mapas de erosión, desertización e incendios

riesgo

A vexetación e os solos son esenciais para o funcionamento dos ecosistemas e a alimentación da poboación. Cando a presión humana degrada ambos elementos, prodúcense unha serie de reaccións en cadea e, con elas, un severo problema ambiental: a desertización. Deste xeito, un territorio pode parecer un deserto sen selo previamente e, ao escasear nel os recursos, orixinarse graves problemas económicos e sociais.

As causas que inciden na desertización son múltiples e, cando se combinan varias de forma simultánea sobre un mesmo territorio, os seus efectos adversos increméntanse.

Entre as causas de orixe antrópica destacan a deforestación, os incendios forestais provocados, a degradación do solo por malas prácticas agrícolas ou sobrepastoreo, a sobreexplotación dos acuíferos, a degradación das augas superficiais e subterráneas, e a artificialización do solo producida por explotacións mineiras, grandes infraestructuras ou crecementos residenciais. Se estas accións se combinan con algúns procesos naturais, como a seca prolongada ou os procesos erosivos en zonas de pendentes acusadas, o risco de desertización é aínda maior.

Os efectos da desertización maniféstanse de forma combinada. A contaminación dos solos ou a auga e a erosión xeran á súa vez a deterioración e a perda de recursos edáficos, hídricos e biolóxicos dunha zona. Isto comporta en moitas ocasións a reducción da productividade agrícola e a diminución da biodiversidade. Todo isto limita a calidade de vida das persoas que habitan as áreas desertizadas, pois pódense producir grandes fames, migracións, crises económicas, pobreza e inestabilidade social.

Os procesos de desertización afectan actualmente máis dun terzo da superficie terrestre continental, uns 35 millóns de km2, cifra que podería ampliarse se se cumpren as prediccións máis pesimistas asociadas ao cambio climático. O avance deste proceso en calquera continente provoca problemas ambientais, socioeconómicos e políticos considerables. Por isto, algúns organismos internacionais, en colaboración cos países implicados, están desenvolvendo actualmente programas de loita contra a desertización.

A desertización é un problema ambiental moi significativo en España xa que preto do 18% do territorio corre un risco elevado de padecelo. É a consecuencia dunha excesiva presión humana sobre rexións fráxiles, principalmente de clima árido, semiárido ou cunha longa estación seca.

As comunidades autónomas máis afectadas son Murcia, Valencia e Canarias, con altos niveis de risco de desertización na maior parte do seu territorio. Séguenas Andalucía, Castela-A Mancha, Cataluña e Madrid, con case a metade da súa área en risco, mentres que Aragón e Baleares teñen un terzo da súa superficie ameazada por este proceso.

En España a erosión do solo ten unha notable incidencia nos procesos de desertización. Unha das principais causas débese á degradación da vexetación que está asociada a diversas actividades humanas ou aos incendios forestais. Tamén inflúen factores naturais, como as características do propio solo ou as condicións climáticas, pero na maioría dos casos o causante da erosión adoita ter unha orixe antrópica. As maiores taxas de perda de solo concéntranse nas cuncas hidrográficas do Guadalquivir, Ebro, Xúcar, así como nalgunhas zonas dispersas do sur peninsular.

España publicou recentemente o Programa de Acción Nacional contra a Desertización, que pretende determinar os factores que contribúen a este problema ambiental e establecer as medidas prácticas para loitar contra el. Entre elas, o programa proponse dedicar unha atención especial ás medidas preventivas en terras aínda non degradadas, pero que estean sometidas a riscos potenciais de desrtización.

Os incendios forestais son unha das causas que aceleran o proceso de desertización dun territorio. Provocan graves danos aos ecosistemas, tanto á vexetación e á fauna coma ao solo, ao tempo que xeran importantes perdas económicas e poñen en perigo a vida das persoas. Trátase dun fenómeno relativamente frecuente nos países da ribeira mediterránea, que afecta especialmente a España.

Desde a década dos anos setenta do século pasado, o número de incendios foi aumentando, se ben se aprecia un descenso nos últimos anos. A superficie queimada, pola súa banda, foise reducindo lixeiramente durante ese período. Galicia é a comunidade autónoma que mostra unha maior superficie queimada por ano, seguida de Castela e León, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Se se ten en conta a superficie queimada con respecto á de cada comunidade, Galicia segue estando en primeiro lugar, mentres que a Comunidade Valenciana e Cantrabria ocupan o segundo e terceiro posto respectivamente.

Polo que respecta á orixe dos incendios, esta é antrópica en máis do 60% das ocasións e de orixe natural en menos dun 10% dos casos, sendo o resto de orixe descoñecida. É dicir, que a maior parte dos incendios que se producen en España son provocados.

Para que se produza un incendio forestal é necesarios que se combinen tres elementos: unha masa vexetal abundante, unha fonte de calor e a existencia de osíxeno. O risco de incendio incrementa por factores como, por exemplo, os períodos de seca, o abandono das áreas rurais ou a introdución de especies inadecuadas nos procesos de repoboación forestal. Tamén son axentes determinantes os conflitos de intereses por razóns urbanísticas, gandeiras, agrícolas ou industriais.

Nas últimas décadas incrementáronse os plans para loitar contra os incendios forestais, aínda que este problema ten unha solución complexa. Non só é necesario investir nos medios de extinción humanos e materiais e nos sistemas de vixiancia e control, senón tamén na prevención e na sensibilización

Práctica 3) Mapas dos espazos protexidos (parques nacionais, parques naturais, reservas da biosfera)

Mapa Principales Espacios Naturales de España

  • Tipo de mapa (temático) e fenómeno nel representado ( principais espazos protexidos en España)
  • Descripción dos datos e localización xeográfica (diferentes tipos de protección por comunidades autónomas. )
  • Interpretación dos datos (Resumir os principais riscos ambientais en España, incidindo nas zonas a priori máis afectadas por ditos riscos. Explicar os diferentes tipos de espazos protexidos e comparación de diferentes niveis de protección nas comunidades, relacionándoos co maior ou menor nivel de riscos ambientais .
  • Consecuencias para o futuro. Como conclusión, podedes engadir un moi breve resumo cos puntos principais)