Teoria Galicia

1) O RELEVO DE GALICIA

Localízase no extremo noroeste da Península Ibérica e abrangue unha superficie de 29.434 km2.
Os seus límites son nítidos: está rodeada por dúas masas de auga (Mar Cantábrico, ao norte, e o Océano Atlántico ao oeste) , cara ao sur fai fronteira con Portugal, con quen comparte o río Miño e cara ao leste, as cordilleiras orientais e sudorientais.

O relevo galego organízase mediante unha sucesión de bloques elevados e afundidos que presentan un aumento xeral das alturas desde a costa cara ao interior. Nel pódense diferenciar as seguintes unidades morfolóxicas:

Relevo galegoFranxa Litoral: Galicia conta con 1700 km de costa que presenta unha gran diversidades paisaxística. O trazo máis diferenciador do litoral galego son as rías que contrastan con sectores de acantilados de gran crueza como a Costa da Morte ou A Capelada, e o carácter rectilíneo da costa cantábrica.

As Serras: En Galicia temos os seguintes conxuntos de serras:

  • Serras setentrionais: Son de pouca altura, apenas chegan aos 1000 m, e discorren polo norte próximas ao mar Cantábrico. Estas constitúen unha antiga superficie aplanada que se elevou ata a cota máxima dos 1056 do Cuadramón na Serra do Xistral.
  • Serras centro – occidentais (Dorsal Galega) están constituídas por unha aliñación montañosa que cruza Galicia norte – sur con altitudes superiores aos 1000 m. As máis importantes son: Serra da Faladoira, A Loba. Cova da Serpe, O Faro (co seu pico máximo o Faro de 1187 m), o Suído e o Faro de Avión.
  • Serras orientais e sudorientais: Formadas durante a oroxénese alpina, na era terciaria, caracterízase pola súa gran diversidade, con presencia de lousas, cuarcitas, calcarias e pequenas áreas de dominio granítico. Nelas atópanse as montañas máis elevadas de Galicia sendo Pena Trevinca (2124 m), na serra do Eixe, o cume do relevo galego. Outras serras de grande altitude son os Ancares, o Courel e Queixa, onde se eleva outro gran pico. Cabeza de Manzaneda /1778 m).

As superficies de aplanamento: Son un dos aspectos máis destacados do relevo galego. Así, no interior da provincia de Lugo, entre as serras orientais e a Dorsal Galega, a denominada Terra Chá supón unha gran superficie chá, situadad entre os 600 – 700 mts de altitude. Cara ao litoral as chairas presentan unha dimensión máis reducida e están intensamente fragmentadas polos vales fluviais.

Depresións interiores: Desde As Pontes ata Verín encadéanse unha serie de pequenas depresións orixinadas durante os movementos oroxénicos da era terciaria. O seu fondo está cuberto por unha importante capa de materiais sedimentarios de orixe basicamente fluvial. Destacan: Meridiana, As Pontes, Monforte, Maceda, Monterrei…

2) O CLIMA DE GALICIA

O clima de Galicia vese moi influído pola súa localización xeográfica. Así, a situación á beira do océano e a latitude na que se atopa marcan os caracteres climáticos. A orografía é outro factor definitorio do clima, que favorece a subdivisión interna nunha serie de variedades. A posición do país fai que existan uns contrastes estacionais moi marcados, alternando a influencia da corrente polar no inverno e das altas presións subtropicais (Anticiclón de Azores) no verán. Esta variedade de condicións atmosféricas explican a diversidade notoria de tipos de tempo que se dan en Galicia.

O clima da nosa comunidade presenta trazos comúns con todos os climas oceánicos de Europa Occidental, pero tamén características diferenciais. Os elementos comúns son as continuas chegadas de masas húmidas do Oeste que favorecen unhas intensas precipitacións e unhas características térmicas de suavidade. Malia estes caracteres comúns, Galicia individualízase pola seca estival acentuada e a maior duración do verán.

As variedades climáticas de Galicia están todas incluídas dentro do clima oceánico, malia que se deben diferenciar diversas áreas:

  1. O oceánico húmido, suave e de choivas regularmente distribuídas ao longo do ano, cínguese á franxa setentrional costeira, desde Fisterra ata a Mariña lucense, incluíndo a Costa da Morte e o Golfo Ártabro.
  2. O oceánico hiperhúmido, con precipitacións máis abundantes e redución da temperatura media, cínguese ao chanzo da « Terra de Ordes », Soneira, comarca de Santiago e vertentes occidentais da Dorsal Meridiana, onde o efecto foehn e a exposición a barlovento fai que se incrementen as precipitación por enriba dos 1500 mm anuais.
  3. Nas Rías Baixas estamos diante dunha variedade climática con tendencia á aridez estival, con incremento das temperaturas medias e descenso das precipitacións no verán – en comparación coa cornixa setentrional-.
  4. As serras setentrionais, as da Dorsal Galega e o Xurés constitúen un ámbito de transición entre a Galicia occidental e oriental, marcado polo incremento medio das precipitacións e o descenso das temperaturas medias por mor da altitude, aínda que opoñen as abas de barlovento – máis chuviosas- ás de sotavento – máis secas- .
  5. O oceánico continental, con incremento dos días de xeada, tendencia a una maior oscilación térmica e precipitacións máis reducidas en contraste coa costa, cínguese á meseta lucense e áreas do interior Norte.
  6. Cara ao sur, nas depresións do Sil, Ourense, Limia e Verín, a continentalización dá paso a un matiz mediterráneo que se manifesta claramente na aridez estival e na elevación notable das temperaturas medias nesa época do ano.
  7. O oceánico de montaña afecta ás serras orientais e sudorientais, cos efectos propios da montaña: incremento das preciptacións – de neve nos meses invernais- e baixada das temperaturas medias por mor da altitude.

3) OS RÍOS DE GALICIA

A rede fluvial vén definida pola interrelación entre a disposición do relevo e a pluviosidade. As dúas favorecen a existencia de numerosísimos cursos fluviais, a meirande parte deles de curto percorrido.

Case a totalidade dos ríos galegos amosan un réxime de tipo pluvial oceánico, caracterizado pola abundancia e regularidade dos caudais, con enchentas invernais e estiaxes moderadas no verán. Os ríos que desembocan na vertente cantábrica (Navia, Eo, Masma, Landro, Sor, Mera etc.) son os que teñen maior regularidade neste réxime. Pola contra, os que desaugan nas Rías Baixas presentan descensos moi importantes no seu caudal durante o verán (Tambre, Ulla, Deza, Umia, Lérez, Verdugo etc.), mentres que os ríos que desembocan no Golfo Ártabro e na área de Fisterra manteñen uns caracteres intermedios (Grande de Xubia, Eume, Mandeo, Mero, Anllóns, Grande, Castro e Xallas).

O Miño e o seu principal afluente, o Sil, merecen unha mención á parte, xa que tanto por constituírse nunha longa arteria fluvial (cruza de N a S a maior parte da provincia de Lugo e boa parte das de Ourense e Pontevedra), como pola amplitude da súa cunca e a diversidade de áreas climáticas que atravesan, teñen unha variabilidade no seu comportamento hídrico que os individualizan respecto aos demais de Galicia.

riosgalicia

4) A DIVERSIDADE BIOXEOGRÁFICA

As condicións térmicas e pluviométricas son óptimas para o desenvolvemento do manto vexetal. A maior parte de Galicia inclúese na rexión florística Eurosiberiana, na superprovincia Atlántica.

Só o extremo suroriental da provincia de Lugo e boa parte da de Ourense pertencen á rexión florística mediterránea. Na primeira destas rexións a vexetación climática son bosques mixtos caducifolios, con dominio de carballos (Quercus robur), agás nos Ancares e no Courel, onde dominan os cerquiños (Quercus pyrenaica), acompañados de sobreiras na Galicia occidental (Quercus suber), e do carballo peciolado (Quercus petrae) no N e NL, que á súa vez se ven acompañados en xeral de abeleiras (Corylus avellana), ameneiros (Alnus glutinosa), olmos (Ulmus glabra), freixos (Fraxinus excelsior e augustifolia), arces (Acer pseudoplatanus), bidueiros (Betula alba) e faias (Fagus sylvatica).

Na rexión mediterránea as comunidades climáticas son tamén bosques, neste caso de cerquiños, agás na cunca do Sil, onde son substituídos por aciñeiras (Quercus ilex subsp. Ballota). Os bosques de cultivo tamén adquiriron notable importancia dende épocas remotas; é o caso dos soutos de castiñeiros (Castanea sativa), introducidos hai máis de dous mil anos. Os piñeirais son de implantación máis recente, especialmente o Pinus pinaster (piñeiro marítimo ou galego), chegado dende Portugal no século XVII.

Máis recentemente introduciuse o eucalipto (Eucaliptus globulus), orixinario de Australia e que comezou a cultivarse a partir de mediados do século XIX, malia os problemas medioambientais que xera. A paisaxe vexetal actual é resultado da acción antrópica, pois a vexetación climática de frondosas caducifolias está moi deteriorada e en franco retroceso, predominando na actualidade as especies arbóreas foráneas, o mesmo o mato de substitución do bosque orixinario, fundamentalmente os toxos (Ullici europaei), piornos (Cytisus lusitanicus) e breixos (Ericetum cinerae).

No mapa de distribución de cubertas vexetais en Galicia destaca a forte penetración dos eucaliptais na Mariña lucense e costa norte coruñesa, ao tempo que incrementan a súa proporción en todo o litoral occidental, onde as masas de frondosas ceden tamén ante a presión das coníferas.

A mestura de coníferas e frondosas está moi estendida polas provincias de poñente e no cadrante noroccidental de Ourense, mentres que a principal cantidade de frondosas e carballeiras se refuxia na provincia de Lugo – principalmente- e, en menor medida, nas montañas ourensás.

De todos os xeitos, o espazo non arborado ocupa unha proporción moi notable nas altas serras orientais e, sobre todo, sudorientais, en depresións como a Limia e nos altos cumes da Dorsal Galega e outras serras máis occidentais