Prácticas Sistema urbano

Neste apartado imos facer as seguintes prácticas:

  • Comentario plano urbano sinalando as súas partes e a evolución histórica. (Barcelona, Toledo, Vitoria, Madrid).
  • Paisaxe: comentario dun espazo urbano (alturas, tipoloxías, problemas económicos e sociais).
  • Mapa do sistema urbano en España e en Europa.
  • Mapa do subsistema urbano galego.

PRÁCTICA 1: COMENTARIO PLANO URBANO SINALANDO AS SÚAS PARTES E A EVOLUCIÓN 

BARCELONA

barcelonaO plano dunha cidade é a representación gráfica das superficies construídas organizadas en mazás e superficies libres (rúas, prazas xardíns, parques) que se suceden no espazo e a través do tempo, podendo diferenciar fundamentalmente tres grandes unidades morfolóxicas: a zona antiga ou histórico ou cidade preindustrial (<s.XIX), os ensanches burgueses e barrios industriais do s. XIX e, as periferias do XX e XXI.

LOCALIZACIÓN DA CIDADE DE BARCELONA:

A localización é o lugar que serve de soporte físico á cidade. Barcelona emprázase a beiras do mar mediterráneo, actualmente o plano representa os espigóns ou peiraos cos que contan as instalacións portuarias, relacionadas coa importante función comercial que a cidade ten dende as súas orixes romanas.

UNIDADES MORFOLÓXICAS: o plano representa tres grandes unidades morfolóxicas que se sucederon no espazo e a través do tempo:

  1. O CASCO HISTÓRICO OU CIDADE PREINDUSTRIAL : ocupa unha superficie relativamente pequena dentro da área municipal urbanizada. O casco histórico está delimitado por un sistema de roldas ou rúas amplas que xorden ao derrubar a muralla que fortificaba a cidade preindustrial e abrangue a Zona Antiga, o Raval, Sant Pere e a Barceloneta, pegadas das distintas etapas históricas polas que atravesou a cidade. A Barceloneta é a expansión que se leva a cabo no s.XVIII, e que seguindo as ideas da Ilustración se organiza nun plano ortogonal de mazás rectangulares definidas por rúas que córtanse en ángulo recto. Das edificacións que se levantaron no século XVIII, practicamente non queda nada, porque a especulación do valor do chan intensificou a construción.
  2. O ENSANCHE BURGUÉS PROXECTADO POR ILDEFONSO CERDÁ (1860): No século XIX Ildefonso Cerdá proxecta un ensanche en torno á cidade preindustrial, a superficie do mesmo superaba con moito á superficie da Barcelona preindustrial. Cerdá planifica o ensanche adoptando un plano en cuadrícula ou damero u ortogonal,é dicir, mazás cadradas delimitadas por rúas que se cortan formando ángulo recto. Non obstante,na mazá cadrada, Cerdá introduce a novidade de cortar as esquinas en chafrán, para facilitar a visualización aos condutores do tráfico rodado,deste xeito, a mazá cadrada transformase en octogonal. Por outro lado, Cerdá, imbuído das ideas dos hixienistas sobre a importancia do aire e o sol na saúde das persoas, dota aos edificios de ditas condicións ambientais proxectando amplas rúas entre as mazás. Co tempo o proxecto de ensanche de Cerdá, viuse modificado polo alto valor do chan que conduciu a permitir unha maior edificación en altura e pechar as mazás construíndo nas catro frontes,mentres que o proxecto de Cerdá contemplaba mazás abertas e maior superficie de espazos verdes.
  3. AS PERIFERIAS DOS SÉCULOS XX E XXI: No século XX, o feito de que Barcelona se converta nunha cidade industrial estimula o seu crecemento, englobando no seu plano novas expansións que supoñen a anexión á cidade do que eran pobos agrícolas transformados en barrios urbanos. O plano destas periferias non presenta a regularidade xeométrica e a amplitude de rúas que ten o ensanche burgués. Nestas periferias, en torno ao ensanche burgués, localízanse os barrios industriais, barrios obreiros etc. con distintas morfoloxías relacionadas cos gustos urbanísticos e arquitectónicos das distintas etapas históricas.

TOLEDO

Art11toledofig1GLOCALIZACIÓN DA CIDADE DE TOLEDO

Toledo localízase no centro peninsular, entre o Sistema Central e os Montes de Toledo, en plena conca do río Texo. A 70 quilómetros de Madrid, a cidade emprázase nun promontorio de rochas graníticas a uns 730 metros de altura sobre o nivel do mar. Un meandro do Texo proporcionoulle unha defensa eficaz por tres dos seus lados, salvagardando o lado de terra por unha muralla.

UNIDADES MORFOLÓXICAS:

A cidade presenta unha estrutura complexa na que se mesturan diversos tipos de planos, dende o trazado irregular predominante na zona antiga ata o ortogonal característico do ensanche, pasando pola estrutura anárquica da periferia onde se mesturan os diversos usos do chan. Na evolución da estrutura urbana distinguimos as seguintes etapas:

  1. ZONA ANTIGA: A orixe da cidade é claramente defensiva; a facilidade que para tal fin lle dotaba a súa estratéxica situación favoreceu que a instalación de pobos diversos dende a súa orixe prerromano. Parece que foi primeiro unha poboación celta que caeu en poder dos romanos cara ao século II a. d. C. recibindo o nome de Toletum. Desa época quedan na cidade os restos moi mal conservados do circo. Durante os séculos VI e VII Toledo foi a capital do reino visigodo e adquiriu especial relevancia polos concilios eclesiásticos que nela se celebraron. Trala conquista musulmá no 712, a cidade coñeceu unha fase de esplendor debido sobre todo á elaboración de variadas artesanías entre as que destacou a fabricación de armas. Desa época xorde unha estrutura urbana irregular con rúas estreitas e sinuosas na que se intercalan prazas e rúas máis amplas que aparecen ao longo da Idade Moderna, como a praza de Zocodover modificada segundo as instrucións impartidas polos monarcas da casa de Austria. As edificacións son de escasa altura aínda que, segundo avanza o tempo, se tende cara á verticalización como un medio de aproveitar o limitado chan urbano. Testemuñas destacadas deses tempos son os restos monumentais de zocos, igrexas, sinagogas e mesquitas distribuídos por todo o territorio de intramuros. Socialmente a cidade dividiuse en barrios en razón da orixe relixiosa de cada grupo, distinguíndose aínda espazos como a xudaría.
  2. O ENSANCHE (XIX e principios do XX): A mediados do s XIX o crecemento de Toledo revitalizouse pola designación como capital provincial seguindo a estrutura de Javier de Burgos e pola chegada do ferrocarril. Ten lugar entón un crecemento da zona de extras muros a partir de barrios pequenos como Santa Bárbara, El Cristo de la Vega, san Antón ou San Martín. Estes barrios obedecían a certa planificación, rexistrando un predominio do plano ortogonal. Non obstante, este crecemento foi moi reducido e só despois da guerra civil, momento no que Toledo se converteu nunha zona da área de expansión de Madrid.
  3. A PERIFERIA URBÁ: Aprécianse varias zonas:
  • Unha zona residencial no NOROESTE preto da Fábrica de Armas, con boa planificación e calidade moi aceptable; son os barrios de Buenavista, Avenida da Reconquista, etc. xunto á estrada de Madrid xurdiron áreas residenciais de xeito espontáneo.
  • Unha área industrial en torno ao polígono creado para desconxestionar Madrid e situado a uns 8 Km. do centro. Formado na súa maioría por medianas e pequenas empresas, algunhas delas de sectores modernos como a electrónica.
  • Áreas de equipamentos comerciais, de ocio e universitarios que non encontraron espazo dentro da zona antiga.

Actualmente, Toledo é a capital da Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha e as funcións que exerce son esencialmente turísticas e administrativas. A súa situación próxima a Madrid condiciona o seu futuro, por canto o crecemento constante da capital de España e a mellora dos medios de comunicación entre ambas as dúas cidades rematarán convertendo a Toledo nun elemento máis da área metropolitana madrileña.

VITORIA

mapagasteiz LOCALIZACIÓN DA CIDADE DE VITORIA

Vitoria-Gasteiz, capital de Álava, é con 250 000 habitantes una das cidades máis grandes do País Vasco. Presenta, como todas as cidades con historia, unha morfoloxía urbana complexa na que poden distinguirse diferentes áreas que corresponden ás distintas etapas de crecemento da cidade.

UNIDADES MORFOLÓXICAS:

  1. CASCO ANTIGO: Fundada no século VI polo rei Leovixildo, o casco histórico caracterízase por un plano desordenado, que se manifesta nunha rede de rúas tortuosas, carentes de liñas directrices, nas que se inseren calexos sen saídas e patios interiores. Este trazado irregular era froito da falta de planificación previa, pois se construía seguindo criterios relixiosos, morais, sanitarios, étnicos e económicos máis que urbanísticos. Como podemos apreciar na imaxe, as rúas non son iguais, senón que existe unha gradación continua de arterias principais e secundarias. Destaca tamén a presenza de edificios relixiosos, que durante a Idade Moderna encherán o centro das cidades ata ocupar de media un terzo do chan dispoñible (Catedral de Santa María, conventos…). En torno ao núcleo inicial sitúanse as murallas, derribadas durante o século XIX ou comezos do XX para facilitar a expansión urbana e crear novo chan edificable, evitando a excesiva densificación das zonas xa ocupadas.
  2. O ENSANCHE: Como xa dixemos, as murallas foron derribadas, e no seu lugar dispúxose unha avenida ou rolda que marcaba o perímetro do antigo casco antigo. Rólda, que ten como finalidade exercer de cordón sanitario entre a cidade vella e a nova, pasou a marcar o inicio do ensanche. A floreciente burguesía vitoriense foise a vivir fora do caso antigo (rúas Sancho o Sabio, San Ignacio de Loyola, Beato Tomás de Zumárraga…) por razóns de comodidade. As novas rúas estaban trazadas seguindo un modelo máis racional, con máis espazo, novos materiais e amplas zonas verdes e parques, como o da Avenida de Gasteiz. Desta forma, a cidade pasou a ter un plano radiocéntrico, resultado dunha evolución clásica en Europa: a cidade crece en torno a unha encrucillada á cal afluen os camiños convertidos en rúas. Estas rúas van crecendo en todas direccións ao redor do centro, cada vez máis lonxe del e desviando o centro de atención do mesmo. Como en moitos outros casos, isto produciu unha progresiva depauperización do casco antigo, abandonado pola burguesía, ata que foi reconstruído e revalorizado polas autoridades locais.
  3. A PERIFERIA: Do casco antigo non só saen os burgueses: tamén as clases traballadores van vivir extramuros. Aínda que non se aprecie no plano, é de supoñer que estas persoas de baixo nivel adquisitivo (demanda insolvente) construísen barrios afastados do centro, sen ningún tipo de control por parte do concello, mal planificados e con escasa calidade de vida.

Na actualidade: Vitoria é hoxe en día una das cidades máis prósperas e con máis nivel de renda do País Vasco, o que influíu nun maior investimento á hora de solucionar os problemas urbanos xa existentes e planificar a construción de novas zonas. Cun casco antigo recuperado para sedes de empresas e a Administración Pública (Parlamento Vasco…), un ensanche aínda ocupado polas clases medias e altas, e uns barrios periféricos xa si regulados e sometidos á xestión local, Vitoria foi nomeada en 2011 Capital Verde Europea, entre outras cousas polo seu gran respecto ao medio ambiente e polo seu altísima calidade de vida.

PRÁCTICA 2: PAISAXE, COMENTARIO DUN ESPAZO URBANO

TOLEDO

Esta fotografía aérea de Toledo amósanos as peculiaridades do seu plano e podemos observar case perfectamente o trazado viario e mesmo a tipoloxía dalgún dos seus edificios.

Toledo é unha cidade mediana, capital da provincia do mesmo nome, que se atopa na Meseta castelá, preto dos montes de Toledo. Na fotografía podemos observar que a cidade antiga ocupa unha zona elevada, unha especie de farallón que obriga ó Texo a facer unha curva ou meandro, de xeito que a zona elevada queda rodeada nas súas dúas terceiras partes polo río. Tralo río asoma unha parte montañosa de pequenas elevacións, pero polo norte a cidade expándese cara unha zona cha, na que mesmo podemos ver parcelas con cultivos.

En canto á morfoloxía da cidade, podemos sinalar dous tipos de plano; un, desordenado, con rúas estreitas e tortuosas na zona elevada e, ós pes da mesma, planos máis regulares, ás veces ortogonais, (con rúas que se cruzan formando ángulos rectos) no norte e no núcleo que se atopa xunto a marxe dereita da fotografía.

A zona do plano desordenado é a parte vella da cidade. Nela atópanse os edificios históricos (Toledo é Patrimonio da Humanidade), e o resto dos edificios, aínda que puideron ser substituídos por outros máis modernos, respecta a primitiva trama viaria. Na fotografía tamén pode apreciarse o percorrido da antiga muralla e os crecementos extramuros. A trama dos edificios é cerrada e xa non existen, naturalmente as zonas de solares baleiros ou hortas, como sería o habitual na época medieval. Neste espacio coexistían diversas culturas e hoxe en día poden visitarse varias sinagogas no que sería a antiga xudería. Non parece que este casco histórico fora moi remodelado en épocas recentes e non apreciamos a aperta de ningunha vía grande de acceso ó mesmo. A maior parte dos cascos vellos terciarizáronse, é dicir, transformáronse en zonas de ocio e cultura, ademais de seren zonas comerciais. Pero, a pesar diso, os edificios foron quedando baleiros e, ás veces, ocupados por poboación de rendas baixas, emigrantes ou marxinais, os cales non poden alugar unha vivenda nos espacios máis modernos. O certo é que hoxe en día moitos concellos, conscientes do problema, tentan recuperar estas zonas sufragando parte dos gastos que conleva a restauración dos edificios; nalgúns casos este casco antigo revitalizouse de tal xeito que pasa a ser habitado por clases acomodadas.

Aos pés deste cerro, á dereita da imaxe, podemos observar un primeiro crecemento extramuros da cidade, xunto ao río, cun plano desordenado que posiblemente sexa tamén de época medieval. Non podemos asegurar que o crecemento máis regular que vemos ó oeste do anterior corresponda a un ensanche do século XIX. De ser así, o seu uso sería para habitación da puxante burguesía que se enriquece nese século, aínda que o máis probable è que este crecemento corresponda ó século XX. Máis alonxados do centro atopamos os barrios periféricos. Algúns teñen función residencial, con bloques de pisos, e outros parecen ser zonas industriais (ó norte, e xunto ó río, cara ó oeste). Non podemos sinalar áreas de residencias unifamiliares senón que máis van parecen barrios de vivendas de promoción oficial ou privada, con bloques en forma de H ou de U; son barrios que veñen a paliar a escaseza de solo edificable no casco histórico e permiten acceder á vivenda a prezos máis asequibles. Outros espacios parecen ser de equipamentos, con centros escolares, hospitais e centros comerciais, e espacios de polígonos industriais. Hai que ter en conta que Toledo non é unha cidade que destaque por unha actividade industrial importante senón polo turismo, polo que estes áreas periféricas poden estar ocupadas por hoteis ou lugares de ocio.

Queda por comentar un barrio que aparece na marxe sureste da fotografía, cunha morfoloxía que tende á regularidade, pero con rúas estreitas e bloques pequenos de vivendas. Podería ser un crecemento máis antigo que o das zonas que acabamos de comentar ou un antigo pobo, próximo á cidade. Hoxe en día conta, ó seu carón, cunha zona para posibles actividades deportivas, a lo que parece.

Para finalizar, unha breve referencia ás comunicacións. Observamos unha vía de circunvalación da cidade (atravesando o río por medio de dúas pontes) e outras estradas ( tal vez autoestradas ou vías rápidas) que se alonxan da cidade en varias direccións. Polo tanto, non parece mal comunicada ( atópase moi preto de Madrid). Outras estradas menores intérnanse nas áreas máis montañosas, comunicando os pequenos núcleos que alí se atopan. É moi probable que tamén exista comunicación ferroviaria ( aínda que non a vexamos), dada a súa condición de capital de provincia.

PRÁCTICA 3: MAPA DO SISTEMA URBANO EN ESPAÑA

XERARQUIAEncontrámonos ante un mapa de España. É un mapa temático (de Xeografía Urbana: A xerarquía urbana española) de figuras (utiliza símbolos -cadrados, círculos… – para localizar fenómenos puntuais), de coropletas (utiliza cores ou tramas para representar a área ocupada por un fenómeno xeográfico) e de fluxos (utiliza liñas ou frechas para cartografar movementos). O mapa ten unha escala gráfica no que cada segmento equivale a 100 kms. na realidade. Polo tanto, a escala é pequena (non mostra detalles do territorio representado).

Na lenda aparecen tres variables ou aspectos a considerar: o tipo de cidade (con cadrados e círculos de diversos tamaños e cores), as ligazóns entre cidades (liñas violetas con distinta continuidade) e os eixes urbanos (con distintas cores).

Se observamos a primeira característica da cidade, podemos sinalar o seu tamaño e as súas funcións.

  • Polo tamaño, dicir que soamente 7 cidades posúen unha poboación de máis de 500000 habitantes (Madrid, Barcelona, Bilbao, Zaragoza, Sevilla, Valencia e Málaga). Entre 300000 e 150000 hai unhas 30 cidades e o resto son xa de tamaño menor. As maiores cidades atópanse case todas na periferia peninsular: no eixo atlántico. Vigo- Coruña-Ferrol, no eixo cantábrico con Bilbao como cidade de referencia ou no eixo mediterráneo oriental dende Girona ata Cartaxena.
  • Polo súa función pode haber cidade primarias, dedicadas ao sector primario, como na Mancha ou ao sector mineiro, como en Asturias; secundarias, especializadas na industria, como Vigo ou Bilbao; terciarias, de servizos públicos, turismo, comercio… Todas as cidades, por definición, teñen un sector terciario bastante desenvolvido.

En canto á relación que se establecen entre os distintos núcleos habería que falar da xerarquización dos mesmos. Á hora de establecer dita xerarquía cóntanse o tamaño a área de influenza e as funcións. Así temos:

  • Metrópoles. Están no cumio da xerarquía porque a súa posición supera os 250000 habitantes, e desenvolven funcións especializadas na área industrial ou de servizos. Poden ser metrópoles nacionais ( máis de 1500000 habitantes, como Madrid e Barcelona, segundo o mapa) cuia zona de influenza é todo o territorio nacional e que manteñen fortes contactos internacionais; metrópoles rexionais ( Bilbao, Valencia, Zaragoza, Málaga e Sevilla) cunha área de relacións tamén nacional e fortes lazos entre elas; e subrexionais (Vigo, Donostia, Coruña, Santander, Pamplona, Gasteiz…), cunha poboación entre 500000 e 250000 habitantes, cun área de influenza menor, pero con incidencia especial polos servizos prestados a unha provincia ou a parte dunha rexión.
  • Cidades medias. Como vemos no mapa son relativamente abundantes e as súa poboación supera os 50000 habitantes. Moitas delas son capitais de provincia do interior peninsular e abastecen de servizos ao contorno de nivel provincial; teñen un peso específico menor pero se relacionan entre elas, en ocasións complementando as súas economías.
  • Cidades pequenas ou vilas. Son moi abundantes no territorio español. Nun primeiro momento da urbanización os campesiños emigraban a grandes cidades, pero na actualidade parte da poboación diríxese cara a vilas en busca dunha mellor calidade de vida, por encontrarse as metrópoles demasiado saturadas. As súas funcións están pouco especializadas e van destinadas a ofrecer servizos básicos á poboación rural circundante; exercen unha influenza comarcal.

Tema moi importante é o de deseñar unha rede urbana xerarquizada e que cubra a totalidade dun país, obxectivo difícil de acadar. No caso español, as relacións urbanas son densas nuns casos e moi pouco conectadas noutros. Vemos que Madrid mantén relacións con case todo o territorio, como era de supor no caso da capital dun país. Non obstante, non está tan ben conectada como cabería esperar, a pesar do sistema radial de transporte en España. Barcelona mantén relación intensas co eixo mediterráneo, pero queda desconectada do eixo andaluz ( mio activo no sector tutismo). Tamén serían mellorables as relacións que mantén coa zoan norte a través do corredor do Ebro, con Zaragoza como principal zona intermedia. Toda esta zona, ademais, está demasiado pouco conectada co noroeste do país. O eixo cantábrico, dende o cento de Asturias ata Bilbao, cun carácter fortemente industrial e portuario, non está ben relacionado co eixo do Ebro- O grao de integración, polo tanto, é claramente mellorable, xa que existen zona bastante illadas, como parte da Meseta ou o noroeste. Por exemplo, Galicia aparece conectada con Madrid, pero ten por desenvolver unha mellor conexión con Portugal ou coa zona cantábrica. As relacións internacionais, por outra banda, tamén son mellorables, pois quedamos lonxe dos principais eixos europeos

PRÁCTICA 4: MAPA DO SUBSISTEMA URBANO GALEGO

sistema urbano galegoAs cidades do sistema urbano español constitúen unha rede urbana xerarquizada propia dun país industrializado. Estas exercen certa influencia cara á súa área circundante a partir das funcións e servizos que ofrecen. As cidades conforman unha rede de relacións e de influencias na súa área circundante porque son nós de comunicacións, centros de produción e distribución de bens e provedores de servizos. O territorio vinculado a unha cidade debido á atracción que esta exerce é o hinterland ou área de influencia, mentres que os núcleos que realizan esta atracción son os lugares centrais.Polo xeral, canto maior é a cidade, máis ampla á a gama de servizos e funcións que ofrece de xeito que, polo menos potencialmente, a súa área de influencia tamén é maior. Nun mundo globalizado, ás áreas de influencia transformáronse, xa que os medios de transporte e comunicación poden facer que esta área se estenda cada vez máis lonxe e de xeito máis intenso.
Dentro dun mesmo sistema urbano existen grupos de cidades especialmente vinculadas entre si. Cada un deses grupos constitúe o que se denomina subsistema urbano, que pode ser entendido como un sistema que forma parte doutro maior. No sistema de cidades españolas pódense distinguir distintos subsistemas urbanos.
O subsistema galego é un subsistema policéntrico, en que a capital da Comunidade Autónoma (Santiago de Compostela) se localiza nun lugar intermedio entre as dúas metrópoles rexionais (A Coruña e Vigo). As cidades concéntranse fortemente ao longo da costa occidental. Non existe unha gradación piramidal nos tamaños das cidades maiores, os núcleos urbanos manteñen relacións bidireccionais, non xerárquicas.
A distribución dos centros urbanos galegos caracterízase polo acusado desequilibrio, tanto demográfico coma funcional, entre as provincias occidentais e as orientais. De xeito que o denominado Corredor Atlántico, que discorre entre as dúas rexións urbanas da Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo, e que pasa por Santiago -capital rexional e nodo integrador entre o litoral e a Galicia interior-, concentra máis do 60% da poboación total, máis do 70% do emprego non agrario e arredor do 80% da renda rexional.
Dentro da xerarquía urbana galega non existe un único núcleo que exerza un papel claramente reitor sobre o conxunto da comunidade autónoma, senón que predomina o policentrismo. Este modelo de organización territorial está composto por dúas ou máis cidades centrais, cunha ampla área de influencia, e un conxunto de cidades intermedias, que funcionan como subcentros e que aseguran un crecemento plural:

  1. Dúas metrópoles rexionais (Vigo e A Coruña) que sustentan os servizos máis cualificados, un desenvolvido sector terciario e un sistema empresarial competitivo.
  2. Cinco cidades medias (Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol) que exercen un papel equilibrador dentro do territorio, cunha certa especialización no sector servizos na maior parte dos casos.
  3. Un numeroso conxunto de vilas, de tamaño moi variable, que constitúen pequenos focos de desenvolvemento, con equipamentos sanitarios, educativos, de ocio…, que serven a unha área de influencia que non adoita superar o nivel da propia comarca. Nos últimos anos, moitas pequenas e medianas empresas atoparon nestes núcleos un lugar axeitado para a súa localización, aproveitando o prezo inferior do solo industrial, o seu emprazamento nas pricipais vías de comunicación (Lalín, Monforte de Lemos, Verín…) Ou a súa proximidade aos recursos naturais (O Barco ou As Pontes).
Cada unha das sete cidades galegas exerce un papel diferente na organización do territorio, cunha serie de funcións que, aínda que variaron ao longo do tempo, sintetizan o seu carácter e as actividades dos seus habitantes:
  • Vigo. A enorme importancia do porto de Vigo, que ocupa o primeiro posto nacional en canto a flota pesqueira, incidiu no acelerado desenvolvemento fabril da cidade a partir de 1970. A instalación de varios estaleiros, industrias de automoción, conserveiras, químicas…, así como a súa relevante función comercial, fan que a área de influencia de Vigo exceda a da súa ampla área metropolitana e abarque, incluso, o norte de Portugal.
  • A Coruña. Cidade de gran tradición comercial grazas á importancia do seu porto, A Coruña une actualmente esta función coa de sede financieira, coa localización de numerosas entidades bancarias e empresas complementarias que a converteron na capital de negocios de Galicia. As actividades xudiciais (acolle a Audiencia Territorial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), administrativas e militares ocupan tamén a boa parte da súa poboación.
  • Ourense. Desde 1970, Ourense converteuse na terceira cidade de Galicia por volume demográfico. Actualmente, a administración e o comercio danlle traballo á maior parte da súa poboación, aínda que, o seu papel como nó de comunicacións ferroviarias e por estrada posibilitou a instalación de industrias téxtiles, alimentarias e de automoción no moderno polígono industrial de San Cibrán das Viñas. Ourense é a cidade galega que, proporcionalmente, máis medrou na última década.
  • Lugo. Como capital provincial e única cidade importante dunha extensa área rural, Lugo presenta unha clara especialización cara á administración pública pero, ao mesmo tempo, cumpre importantes funcións comerciais, sanitarias e educativas.
  • Santiago. As fondas raíces relixiosas e artísticas da Cidade do Apóstolo, fomentaron o actual desenvolvemento da actividade turística e a súa especialización no sector servizos. Santiago conta cunha das universidades máis antigas e de maior tradición de España. Así mesmo, destaca pola súa relevante comercial (alberga o Mercado Nacional de Gando), sanitaria (Hospital Clínico Universitario) e de comunicación terrestres e aéreas, co aeroporto internacional de Lavacolla. Desde a súa designación como capital galega reforzou as funcións de carácter administrativo.
  • Pontevedra. A máis pequena das capitais galegas viviu unha etapa de esplendor económico e demográfico, durante os séculos XV e XVI, grazas ao auxe das actividades comercial e pesqueira. Así e todo, a pesar da súa designación como capital provincial no século XIX, non acadou o dinamismo da área metropolitana de Vigo, cun escaso desenvolvemento fabril, e, na actualidade, cumpre funcións esencialmente administrativas.
  • Ferrol. Emprazada na marxe dereita da ría, nun entrante protexido por terra e mar, Ferrol baseou o seu desenvolvemento na función militar e na industria naval, converténdose, desde o século XVIII, nunha das cidades máis poboadas e dinámicas de Galicia. Non obstante, debido ás sucesivas crises dos estaleiros e á súa falta de diversificación económica, nas últimas décadas atópase sumida nunha recesión demográfica e económica que parece empezar a superar coa construción do porto exterior de Caneliñas.
Advertisements