A batalla de Brión

O 25 de agosto do ano 1800, unha flota inglesa con máis de 100 velas arrivaba ás costas ferrolás nunha acción sorpresiva, para causarlle un golpe moral ao expansionismo napoleónico e unha baixa física á flota española; parte desta flota atopábase na nosa ría.

John_Warren_(1753-1815)O vicealmirante John Warren viña ao mando dun continxente de 7 navíos, 6 fragatas, 5 bergantins e unha goleta. Un total de 21 buques de guerra protexendo 86 transportes que contiñan 15000 soldados, principalmente de infantería e cabalería. Na nosa ría estaban os navíos San Hermenegildo, Real Carlos, Argonauta, Monarca e San Agustín; as fragatas Mercedes, Asunción, Clara e A Paz; dous bergantins, o Palomo e o Vivo; 6 cañoneiros e outros catro en Ares que viñeron rapidamente a defender Ferrol. En total, as tropas militares eran preto de 2000 homes e xunto cos voluntarios non sumaban máis de 3000; os reforzos estaban en díficil posición para achegarse.

A situación social era realmente insostible, pois os militares non cobraban desde facía 5 meses, o fame e a pobreza estaban presentes na realidade da cidade e en xeral, a nosa praza estaba desguarnecida. Á fronte estaba o Conde de Donadío. O día 25 era a festa do santo da Raiña María Luísa, polo que en Ferrol os oficiais estaban realizando un acto oficial. Foi de mañá, cando o vixía de Monteventoso deu a voz de alarma, aínda que en principio, pensouse que era unha flota que ía cara ao Mediterráneo. Cunha certa perspectiva histórica hoxe analizamos esta vitoria como un triunfo do deseño estratéxico e da enxeñería militar disuasiva e defensiva, xa que a situación das diferentes baterías costeiras evitou calquera plan de forzar directamente a entrada na Ría ou desembarcar na contigua de Ares. Así pois, só cabería o acceso polas batidas praias do norte e superar o gran obstáculo das montañas, sempre protectoras de Ferrol e onde partidas de milicianos castigaron continuamente aos británicos nunha guerra de guerrillas (os ingleses probaron por primeira vez o que os franceses anos máis tarde sufrirían nas súas carnes por parte dos guerrilleiros).

Pronto enfilaron cara ás praias de Doniños e San Xurxo, polo que se viu claramente que era unha invasión. Rapidamente as naves locais tomaron posición fronte toda a costa da Cabana e da Graña, chegando desde A Malata ao Vispón. Mentres os ingleses desembarcaban en Doniños e uns poucos en San Xurxo. Os fortes destas praias non aguantaron nin os primeiros ataques e retrocederon os sesenta homes destas tropas para xuntarse aos que viñan desde Ferrol.

Un primeiro grupo de militares e homes da comarca armados con ferramentas de labranza empezaron a remontar desde A Graña cara a Balón; á fronte estaba o capitán de navío Juan Bautista Topete, un dos grandes heroes desta xesta. Pola Malata e Serantes camiñou o rexemento de Ourense, gañando as alturas da Cabana, e no medio destes dous grupos estaba o rexemento de Guadalajara. Ao chegar á cima, xa con noite, fixeron unhas pequenas escaramuzas contra os ingleses co fin de tantear ao inimigo, que era o núcleo da forza invasora. Os ingleses sabían o pequena que era a forza ferrolá, así que empezou unha manobra envolvente, desprazándose cara a San Felipe e intentando coller a Topete de fronte pola esquerda. Pero á súa vez Topete mandou que se movesen tamén cara ao castelo así que os ingleses seguían atopándoos de fronte, con gran sorpresa, porque parecían máis dos que eran. Ademais, o terreo era abrupto e arboledo, co que os defensores levaban as de gañar, e os invasores comezaron a desfacerse en pequenos grupos que eran facilmente atacados, de maneira que retrocederon rapidamente, cunha vintena de baixas e un primeiro golpe moral.

De noite fíxose a calma, e contan que os ferroláns acenderon moitos lumes no monte simulando moita máis cantidade de xente da que eran. Pero cando chegou o día, a realidade mostrou un exército inglés equipado, armado e vestido como nas películas. O continxente británico facía unha fronte en Balón estendéndose en ángulo obtuso cara a San Felipe e Serantes, mentres que os ferroláns eran unha aguda cuña, estirados en fila pero sen fondo. Intentaban frear a baixada contra Ferrol pola Malata. Cara ao castelo non había cobertura defensiva debido á escaseza de tropas.

A medida que chegaban reforzos a Ferrol de Betanzos, de Coruña… eran embarcados en calquera cousa que flotase en dirección á Graña e á Cabana co fin de reforzar a fronte de batalla.

A iniciativa foi dos ferroláns, e lanzáronse por sorpresa ao ataque, ante o que cal os ingleses empezaron a retroceder. A intención posterior foi de novo envolver ás débiles pero orgullosas tropas locais, que ante aquel retroceso se envalentonaron; pero cando se observou que había movementos envolventes, pronto se fixo unha retirada, xusto no momento en que chegaba o Batallón Inmemorial e as Milicias Reais, que foron un valioso apoio para a retirada cara á Graña.

Mentres á dereita, en Serantes, lograba deter o avance por este lugar e foron reforzados polos Cazadores de Xubia, co que os ingleses atoparon unha segunda fronte de batalla na zona. Ademais os campesiños e aldeáns de toda a comarca íanse unindo ás forzas defensoras xogando un importante papel que fixo retoceder ás tropas inglesas, cortando o paso a Ferrol, e o apoio ao groso dos invasores centrados na zona de Balón e Brión. Todo isto desconcertou, de xeito definitivo aos ingleses, que viraron á Cabana onde o lume do bergantín o Vivo sorprendeunos.

A loita na Cabana, Vispón e San Felipe fíxose corpo a corpo, e detrás de cada recuncho apostábase un ferrolán, converténdose nunha guerra de guerrillas. Os reforzos seguían chegando de Coruña, Ares, Betanzos… e atravesando en dirección á Graña, a situación facíase cada vez máis angustiosa para os ingleses, que desde o alto vían unha trasfega continua de continxentes desde Ferrol. A cabalería inglesa foi desfeita entre a espesura do bosque.

A media mañá, os sobreviventes puñan rumbo ás costas británicas; na noite do 27, Ferrol engalánase e convértese nunha apoteósica celebración da vitoria. Este feito mereceu sempre o recoñecemento xubiloso da historia local pero tamén o dos militares e gobernantes do Estado, aínda dos estranxeiros; tal é o caso do coñecido brinde de Napoleón en París: “Polos valentes ferroláns”. Esta vitoria beneficiábao no contexto da guerra xeral que iniciaba con Inglaterra.

Daquela época son os versos populares: “Castelo de San Felipe prepara a túa artillería que se achegan os ingleses pola boca da Ría”.

Advertisements