Historia 2002

COMPOSICIÓN DE TEXTO (tema de tipo histórico)

XUÑO 2002

OPCIÓN 1

Os documentos seguintes, aos que debes referirte na túa exposición, tratan sobre a Guerra Civil. Iniciada coa sublevación de xullo de 1936, o conflicto será presentado en térmos ideolóxicos como unha loita antifascista (Doc. 1) ou anticomunista (Docs. 2 e 7), segundo o bando de que se trate. A impotencia do Comité de Non Intervención fixo que a participación estranxeira (Doc. 2) fose esencial no desenvolvemento do conflicto. A evolución política das dúas zonas foi distinta: mentres as disensión s e a división foron permanentes entre as forzas republicanas (Docs. 3,4 e 5), na España nacional instaurouse un réxime de partido único (Doc. 6), concentrándose os poderes na persoa de Franco, a quen a victoria na guerra (Doc. 7) permitiralle perpetuarse no poder.

Doc. 1. Dolores Ibarruri, Pasionaria, chama á resistencia no seu discurso do 19 de xullo de 1936:

” Traballadores, antifascistas, pobo laborioso: todos en pé defender a República, as liberdades populares e as conquistas democráticas do pobo (…). Todo o país vibra de emoción ante eses desalmados que queren polo fogo e o terror sumir á España democrática e popular nun inferno (…). Pero non pasarán; España enteira está en pé de loita (…). !Viva a Fronte Popular! !Viva a unión de todo os antifascistas!, !Viva a República do pobo!”.

Doc. 2. Galeazzo Ciano, ministro italiano de Asuntos Exteriores, informa así da situación en España:“En España xa se formaron dúas frontes. Cunha están alemáns e italianos; con outra franceses, belgas e rusos. O Duce está de acordo con Hitler en opinar que a determinación das dúas frontes é xa un feito consumado. Italia apoiou e segue a apoiar aos españois sen condicións (…). A nosa acción en España é unha proba efectiva da nosa participación na loita antibolxevique”.

Doc. 3. Boletín informativo da CNT – FAI, xaneiro de 1937:

” Que quede ben entendido que non estamos a loitar pola República democrática. Estamos a loitar polo triunfo da revolución proletaria. A revolución e a guerra son inseparables. Todo o que se diga en sentido contrario é contrarrevolución reformista”.

Doc. 4. Postura defendida en Mundo Obrero, órgano de expresión do PCE, marzo de 1937:
“De que nos acusan os camaradas da CNT? Segundo eles, afastámonos do camiño do marxismo revolucionario. Por qué? Porque defendemos a República democrática (…). Unha República democrática e parlamentaria dun contido social como non existiu endexamais”.

Doc. 5. Discurso de Largo Caballero, presidente do Goberno e secretario xeral da UGT:

“Primeiro debemos gañar a guerra e despois xa poderemos falar de revolución” .

Doc. 6. O 20 de abril de 1937, Francisco Franco, Xefe do Estado e Xeneralísimo das forzas nacionais asina o Decreto de Unificación:

“Art. 1. Falanxe Española e Requetés, cos seus actuais servizos e elementos, intégranse, baixo a Miña Xefatura, nunha soa entidade política de carácter nacional que, de momento, denominárase: Falanxe Tradicionalista e das XONS. Esta organización, intermedia entre a Sociedade e o Estado, ten a misión principal de comunicar ao Estado o alento do pobo e de levar a este o pensamento de aquel a través das virtudes político – morais, de servizo, xerarquía e irmandade (…).

Quedan disoltas as demais organizacións e partidos políticos”.

Doc. 7. Último parte de guerra:

“No día de hoxe, cativo e desarmado o exército roxo, acadaron as tropas nacionais os seus últimos obxectivos militares. A guerra rematou.

Francisco Franco. Burgos, 1-IV-1939. Ano da Victoria”

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN

  • O conflicto bélico en termos ideolóxicos, como loita antifascista ou anticomunista, segundo a percepción de cada bando….é pertinente aludir as principais diferenzas políticas entre os contendentes en ámbitos significativos (relixioso, educativo, socioeconómico…) que xa marcaran a traxectoria da Segunda República e que acabarían conducindo á guerra.
  • A internacionalización da Guerra Civil, incumprindo o compromiso de non intervención, que reflicten as respectivas sintonías ideolóxicas de republicanos e sublevados cos apoios estranxeiros cos que contaron, mencionando as súas características.
  • A diferente evolución política das zonas republicana e “nacional”, insistindo nas disensións que marcaron a vida da España republicana (revolución/ guerra) e o crecente protagonismo na mesma do PCE, así como no proceso de construción na segunda dun réxime de partido único, militar e caudillista, que sentaría as bases para a instauración da ditadura franquista.
  • As referenzas á evolución estrictamente bélica do conflito son pertinentes sempre que non se convirtan en principal fío argumental da composición e sexan válidas para ilustrar algúns aspectos abordados nos documentos (participación estranxeira, triunfo franquista…).

OPCIÓN 2

Os documentos seguintes deben permitirche elaborar un texto que teña por asunto central a vida política durante o reinado de Isabel II. Enfrontado desde os seus inicios á pretensión carlista (Doc. 1), os principais protagonistas do xogo político foron os progresistas (Doc. 2) e os moderados (Doc. 3), con claro predominio dos segundos. A aparición e desenvolvemento doutras forzas políticas opositoras ao réxime (Doc. 4) rematarían propiciando a caída da raiña por medio dun pronunciamento militar (Doc. 5), recurso frecuentemente utilizado para promover cambios de goberno. Lembra que non se trata de elaborar un tema á marxe das fontes propostas, polo que debes referirte a elas na túa redacción.

Doc. 1. María Teresa de Braganza y Borbón, muller do infante Don Carlos, expón así algunhas das ideas do carlismo:

“Relixión, Patria e Rei (…). Rei, digo por último, pero rei pola gracia de Deus e non pola gracia da soberanía nacional (…). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana todo o poder e os poderes que existen, negando deste xeito todo poder de orixe divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con razón; pois a Escritura sagrada di expresamente: todo poder ven de Deus (…). O liberalismo é puro absolutismo, porque se atribúe a si un poder que non lle ven de Deus, de quen prescinde, nin do pobo soberano, porque a este non se lle concede senón o van e ridículo dereito de depositar un billete nunha urna electoral”.

Doc. 2. Preámbulo da Constitución de 1837:

“Sendo a vontade da Nación revisar, en uso da súa soberanía, a Constitución política promulgada en Cádiz a dezanove de marzo de mil oitocentos doce, as Cortes xerais, congregadas a este fin, decretan e sancionan a seguinte Constitución”.

Doc. 3. Preámbulo da Constitución de 1845:

“Dona Isabel II, pola gracia de Deus e da Constitución da Monarquía Española, Raiña das Españas, a todos os que a presente viren e entenderen, sabede: Que sendo a nosa vontade e a das Cortes do Reino regularizar e poñer en consonancia coas necesidades actuais do Estado os antigos foros e liberdades destes reinos, e a intervención que as súas Cortes tiveron en todos os tempos nos negocios graves da Monarquía, modificando ao efecto a Constitución promulgada en 18 de xuño de 1837, vimos (…) en decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía Española”.

Doc. 4.-En 1860, o republicano Fernando Garrido caracteriza asá as máis importantes tendencias políticas do momento:

“Os moderados representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o principio da soberanía nacional. Din: o rei ten o seu dereito de ser soberano, dereito histórico e de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na xestión dos públicos intereses; e conservando as institucións do absolutismo, líganas o menos mal que poden coas novas, que deben satisfacer os desexos das clases acomodadas, e unha pequena parte das medias.

Os progresistas parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre todos os outros. O rei, segundo eles, o é porque a nación quere que o sexa, e non porque o herdara dos seus devanceiros (…).

Hai unha fracción demócrata que cre posible a amalgama da monarquía e dos principios democráticos, da liberdade individual e da soberanía nacional.

Segue a esta a fracción republicana propiamente dita. A democracia como réxime político quere, segundo vemos nas súas publicacións, no canto do rei un consello ou xunta federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada provincia ou Estado. No canto de dúas cámaras, unha soa. No canto do censo electoral, o sufraxio universal para toda clase de eleccións. Os seus elementos máis activos pertencen ás profesións liberais, aos traballadores e artesáns, e unha parte máis considerable cada día á clase media”.

Doc. 5.-As forzas militares mandadas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868, publicando o seguinte manifesto:

“Aldraxada a lei fundamental (…), corrompido o sufraxio pola ameaza e o soborno (…), pasto a Administración e a Facenda da inmoralidade (…), muda a prensa (…). Tal é a España de hoxe (…). Queremos que un Goberno provisional que represente toda as forzas vivas do país asegure a orde, en tanto que o sufraxio universal bota os alicerces da nosa rexeneración social e política”.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • O caracter convulso e inestable da vida política durante o reinado de Isabel II, exemplificado na frecuencia coa que se produciron cambios de goberno ao marxe dos mecanismos electorais, nos diferentes textos constitucionais elaborados ou no propio final da monarquía isabelina, salientando o papel político xogado polo Exército ao longo do período.
  • As formas que reviste a confrontación política: guerra, eleccións, pronunciamento militar.
  • O espectro político, coa caracterización básica das distintas propostas ideolóxicas, e que abrangue non so as forzas integradas no sistema (moderados e progresistas), senón a aquelas que o doutrinarismo liberal deixa fóra: carlistas por unha banda, demócratas e republicanos pola outra.
  • O predominio do moderantismo, con longas etapas de permanencia no poder, e exemplificado na Constitución de 1845 ou outras medidas significativas (fundación da Garda Civil, Concordato…), fronte a períodos máis breves de progresismo, nos que sen embargo se adoptan medidas de notable relavancia (desamortizacións, lei de ferrocarrís…).
  • As circunstancias que conflúen no derrocamento da raiña, tratando tanto as forzas sociais e políticas que o pulan como a fórmula utilizada.

SETEMBRO 2002

OPCIÓN 1

Os seguintes textos permiten a elaboración dunha composición que teña por tema central a evolución política durante o reinado de Fernando VII, entre 1814 e 1833. Mentres os documentos 1, 3 e 4 sinalan o inicio de tres etapas ben diferenciadas, que debes identificar e caracterizar, salientando as diferenzas entre elas, o documento 2 exemplifica a forma de pronunciamento que frecuentemente adoptou a tensión entre liberalismo e absolutismo, presente durante todo o reinado.

Doc.1.-Decreto de anulación da Constitución de 1812 e da obra lexislativa das Cortes de Cádiz (1814):

“As Cortes (…) no mesmo día da súa instalación (…) despoxáronme da soberanía, pouco antes recoñecida polos mesmos deputados, atribuíndoa nominalmente á nación para apropiala para si eles mesmos e dar a esta, despois sobre tal usurpación, as leis que quixeron, impoñéndolle o xugo de que forzosamente as recibise nunha nova Constitución (…); e o que era verdadeiramente obra dunha facción, revestíaselle (…) de vontade xeral (…).

Declaro que o meu real ánimo é non so non xurar nin acceder á dita Constitución nin a decreto ningún das Cortes xerais e extraordinarias e das ordinarias actualmente abertas, a saber, os que sexan depresivos dos dereitos e prerrogativas da miña soberanía (…), senón o declarar aquela Constitución e tales decretos nulos e de ningún valor nin efecto, agora nin en tempo ningún, coma se non tivesen pasado xamais tales actos”.

Doc.2.-Manifesto que dirixe á Nación española a Xunta Provincial de Galicia, presidida por Juan Díaz Porlier, en 1815:
” Españois: (…). Obrigados pola necesidade, vendo que a verdade non pode chegar aos oídos do rei, sitiado a toda hora polos seus conselleiros (…), tomamos a terrible, pero indispensable, resolución de reclamar coas armas na man o que se negou ás nosas solicitudes.
O noso obxecto é o de España enteira: unha monarquía sometida a leis xustas e sabias, e constituída dun xeito que sexa garantía, o mesmo das prerrogativas do trono que dos dereitos da nación. Pedimos a convocatoria de Cortes nomeadas polo pobo, e que estas teñan liberdade de facer na Constitución proclamada polas Cortes extraordinarias, os cambios que esixe a nosa situación”.
Doc.3. Fernando VII acepta a Constitución de Cádiz o 10 de marzo de 1820:

” Mentres eu meditaba maduramente coa solicitude propia do meu paternal corazón as variacións do noso réxime fundamental que parecían máis adaptables ao carácter nacional e ao estado presente das diversas opcións da monarquía española, así como máis análogas a organización dos pobos ilustrados, fixéstesme comprender a vosa arela de que se restablecese aquela Constitución que entre o estrondo das armas hostís foi promulgada en Cádiz no ano de 1812, ao propio tempo que con asombro do mundo combatiades pola liberdade da patria. Oín os vosos votos, e como tenro pai condescendín ao que os meus fillos consideran que conduce á súa felicidade. Xurei esa Constitución pola que deveciades, e sempre serei o seu máis firme apoio (…). Marchemos francamente, e eu o primeiro, pola senda constitucional (…)”.

Doc.4.-Logo da intervención da Santa Alianza, Fernando VII anula en 1823 os actos do goberno constitucional:

“Sentado xa outra vez no trono de San Fernando pola man sabia e xusta do Omnipotente, polas xenerosas resolucións dos meus poderosos aliados e polos denodados esforzos do meu primo, o duque de Angulema,  e o seu bravo exército, desexando prover o remedio as máis urxentes necesidades dos meus pobos, e manifestar a todo o mundo a miña verdadeira liberdade, vín en decretar o seguinte:

1º. Son nulos e de ningún valor todos os actos do goberno chamado constitucional (de calquera clase e condición que sexan) que dominou aos meus pobos dende o 7 de marzo de 1820 ata hoxe 1 de outubro de 1823, declarando, como declaro, que en toda esta Época carecín de liberdade”.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • O reinado de Fernando VII como crise definitiva do Antigo Réxime, cunha loita permanente entre o liberalismo que aparece primeiramente representado nas Cortes de Cádiz e o absolutismo monárquico, caracterizando o básico ámbolos dous (por exemplo no referido á soberanía, ao ordenamento político e institucional…).
  • Diferenciación, en relación con esa tensión, entre as tres etapas polas que atravesa o reinado: restauración absolutista a partir de 1814, Trienio Constitucional entre 1820 e 1823, década ominosa ata a morte do monarca.
  • O pronunciamento militar como instrumento para promover cambios políticos; a este respecto é pertinente que aparezan alusións a etapas posteriores da historia de España, salientando o protagonismo político do exército.

OPCIÓN 2

A instauracón da Segunda República supón o inicio dunha serie de reformas en diversos ámbitos, como os que aparecen reflectidos nos documentos que se propoñen. Á luz dos textos, debes comentar cada unha das cuestións que se citan neles, sen esquecer tratar no seu conxunto a política de reformas atendendo á caracterización xeral da mesma, ás forzas sociais e políticas que a promoveron e a aquelas que se opuxeron, e aludindo ás derivacións ou desenlace da confrontación en torno a tales medidas.

Doc.1. A Constitución de 1931 aborda así a cuestión relixiosa:

” Art. 3. O Estado español non ten relixión oficial (…).

Art. 26. Tódas as confesións relixiosas serán consideradas como  Asociacións sometidas a unha lei especial. O Estado, as rexións, as provincias e os Municipios, non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións e institucións relixiosas. Unha lei especial regulará a total extinción, nun prazo máximo de dous anos, do presuposto do Clero. Quedan disoltas aquelas Ordes relixiosas que estatutariamente impoñan, ademais dos tres votos canónicos, outro especial de obediencia a autoridade distinta da lexítima do Estado (…). As demais Ordes relixiosas someteranse a unha lei especial votada por estas Cortes Constituíntes e axustada ás seguintes bases:

1º. Disolución das que polas súas actividades constitúan un perigo para a seguridade do Estado (…).

4º. Prohibición de exercer a industria, o comercio ou o ensino.

5º. Submisión a todas as leis tributarias do país”.

Doc.2.-O decreto de 23 de abril de 1931 obriga aos militares a prometer fidelidade á República:

” A revolución de abril, que por vontade do pobo instaurou a República, extingue o xuramento de obediencia e fidelidade que as forzas armadas da nación prestaran ás institucións hoxe desaparecidas (…), a unha dinastía ou unha persoa. A misión do Exército é soster a independencia da Patria (…).
O Goberno provisional da República decreta:

Art.. 1º. Todos os xenerais en situación de actividade ou reserva, e todo os xefes, oficiais e asimilados (…) haberán prestar no prazo de catro días (…) solemne promesa de adhesión e fidelidade á República”.

Doc.3. Lei de Bases da Reforma Agraria (1932):

“Base 5ª. Serán susceptibles de expropiación as terras incluídas nos seguintes apartados:

1º. As ofrecidas voluntariamente polos seus donos (…).

4º. As fincas rústicas de Corporacións, fundacións e establecementos públicos que as exploten en réxime de arrendamento, aparcería ou calquera outra forma que non sexa explotación directa (…).

5º. As que polas circunstancias da súa adquisición, por non seren explotadas directamente polos adquirentes (…), deba presumirse que foron compradas con fins de especulación ou co único obxecto de percibir a súa renda.

6º. As que constituíron señoríos xurisdiccionais (…).

7º.  As incultas ou manifestamente mal cultivadas (…)”.

Doc.4.-O 21 de setembro de 1932, a Gaceta de Madrid publicou o Estatuto de Autonomía de Cataluña:

“Art. 1º. Cataluña constitúese en rexión autónoma dentro do Estado español, de acordo coa Constitución da República e o presente Estatuto. O seu organismo representativo é a Generalitat (…).

Art. 2º. O idioma catalán é, como o castelán, lingua oficial en Cataluña (…). Dentro do territorio catalán, os cidadans, calquera que sexa a súa lingua materna, terán dereito a elixir o idioma oficial que prefiran nas súas relacións cos tribunais, autoridades e funcionarios de todas clases, tanto da Generalitat como da República (…).

Art. 11º. Corresponde á Generalitat a lexislación exclusiva en materia civil, agás o disposto no artigo 15, número 1, da Constitución, e a administrativa que lle estea plenamente atribuída por este Estatuto”

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • Contextualización da instauración da Segunda República e caracterización básica das forzas que asumen dende o poder a realización desta política de reformas.
  • Exposición dos principais ámbitos de actuación, reflectidos nos documentos, e aludindo ás forzas e intereses aos que se enfrontaron:
  1. A reforma relixiosa, en relación coa cuestión educativa, e a posición contraria da xerarquía católica.
  2. A reforma militar, mal acollida por boa parte da oficialidade.
  3. A reforma agraria, atentatoria contra os intereses dos grandes propietarios agrarios.
  4. O recoñecemento da autonomía catalana, extensible a outras nacionalidades históricas e agravio para os defensores da “unidade de España”.
  • A confrontación constante entre posturas reformistas e progresistas por unha banda e conservadoras e tradicionalistas pola outra como esencial na evolución da República; a este respecto deben aparecer mencións ás etapas posteriores ao bienio reformista, e mesmo a unha Guerra Civil que ten a súa razón de ser nesta mesma conflictividade.
Advertisements