Historia 2001

COMPOSICIÓN DE TEXTO (tema de tipo histórico)

XUÑO 2001

OPCION 1
Os seguintes documentos permiten a realización dunha redacción que teña por tema central as relacións entre a Igrexa e o Estado dende a implantación do liberalismo na década de 1830 ata a guerra civil. Dende a inicial confrontación que a liquidación do Antigo Réxime supón, e que exemplifica a desamortización (Doc.1), as relacións Igrexa-Estado serán cambiantes, en función do carácter conservador ou progresista dos distintos gobernos e réximes políticos; en liñas xerais, nos períodos de predominio conservador o poder político favoreceu á Igrexa, facéndolle importantes concesións e buscando o seu apoio (Doc.2), ocorrendo o fenómeno contrario en momentos como a Segunda República (Doc.3). A Igrexa, pola súa parte, non agachou as súas simpatías en momentos especialmente críticos, como a guerra civil (Doc.4), apoiando sen matices ó bando sublevado. Lembra que debes contextualizar os documentos e referirte ós seus contidos ó longo da túa exposición, pois non se trata de elaborar o tema de referencia á marxe das fontes propostas.

Doc.1.-Desamortización (1836):

“Art. 1º. Quedan declarados en estado de venda dende agora tódolos bens raíces de calquera clase que pertencesen ás comunidades e corporacións relixiosas extinguidas (…)”.

Doc.2.-Constitución de 1845:

“Art. 11. A Relixión da Nación Española é a Católica, Apostólica, Romana. O Estado obrígase a manter o culto e os seus ministros”.

Doc.3.-Constitución de 1931:

“Art. 3. O Estado español non ten relixión oficial (…).

Art.26. (…) O Estado, as rexións, as provincias e os municipios non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións, e Institucións relixiosas. Unha lei especial regulará a total extinción, nun prazo máximo de dous anos, do orzamento do clero”.

Doc 4.-Carta colectiva dos bispos españois en xullo de 1937:

“Afirmamos, ante todo, que esta guerra foi provocada pola temeridade, os erros, se cadra a malicia ou a covardía de quen puideron evitala gobernando a nación conforme á xustiza (…). Foron os lexisladores de 1931, e logo o poder executivo do Estado coas súas prácticas de goberno, os que se empeñaron en torcer bruscamente a rota da nosa historia nun sentido totalmente contrario á natureza e esixencias do espírito nacional, e especialmente opostos ó sentido relixioso predominante no país (…). A guerra é pois un plebiscito armado (…), loita cruenta dun pobo partido en dúas tendencias: a espiritual, do lado dos sublevados, que saiu en defensa da orde, a paz social, a civilización tradicional e a patria, e moi evidentemente nun grande sector para defensa da relixión; e doutra parte a materialista, chámese marxista, comunista ou anarquista, que quixo substituir a vella civilización de España (…) pola novísima “civilización” dos soviets rusos”

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • As relacións Igrexa-Estado como asunto recurrente na historia da España Contemporánea, cun tratamento cambiante en función da maior ou menor sintonía política entre as dúas partes.
  • A desamortización de Mendizábal entendida como ruptura co Antigo Réxime neste ámbito, comentando a perda de poder económico e político que implica para a Igrexa e a confrontación entre esta e o novo Estado liberal.
  • A Constitución de 1845, da man do moderantismo isabelino, como reconducción das relacións, refrendada pola reconciliación que supón o Concordato de 1851.
  • A instauración dun Estado laico en 1931 como acentuación do conflicto e –en relación coas reformas noutros ámbitos- factor explicativo da postura da Igrexa a prol dos sublevados en 1936.
  • O peso da Igrexa na conformación do franquismo e a posición de privilexio que ocupará durante a dictadura.

OPCIÓN 2

Os documentos que seguen teñen como asunto central a oposición ó réxime franquista. O ámbito cronolóxico vai desde os anos de posguerra (Doc.1) ata os derradeiros tempos da dictadura (Doc.4), presentando as diversas actividades levadas a cabo por sectores tamén diferentes da oposición: guerrilla (Doc.1), movemento universitario (Doc.2), movemento obreiro (Doc.3) e forzas políticas que se articulan cara o remate da dictadura (Doc.4). Na túa redacción debes tratar a variedade e evolución da oposición ó franquismo, tendo en conta as fontes documentais suministradas.

Doc.1.-O guerrilleiro Francisco Rey lembra o movemento dos anos 40:

“Alí onde había homes perseguidos que se viron na necesidade de fuxir, fixérono antes de caer de novo na cadea ou ante un pelotón de execución. Marcharon así ó monte homes de tódalas tendencias, socialistas, anarquistas, algúns católicos e, sobre todo, numerosos militantes comunistas (…).

Ó principio as nosas accións tiñan un carácter case exclusivamente de fuxidos que se moven organizadamente buscando puntos de apoio, falando coas xentes da necesidade de crear o movemento guerrilleiro.

Eramos os fuxidos, os escapados, como nos chamaba o pobo. E nesa época, no momento máis agudo da represión franquista, tivemos sempre o apoio abnegado, silencioso e incondicional do pobo. Aqueles homes que nas aldeas nos axudaban sabían perfectamente ó que se expoñían e, sen embargo, non vacilaban en acollernos”.

Doc.2.-Noticia recollida en Mundo Obrero dunha manifestación universitaria en Madrid (1956):

“Estes potentes berros, lanzados por centos de valentes peitos xuvenís, atronaban as rúas céntricas da capital. Unha proba patente da debilidade do goberno é que non se atreveu a utilizar a policía armada para reprimir a manifestación. A forza pública recibira instruccións de retirarse (…).

Ó pasar a manifestación diante do Ministerio de Gobernación, recrudecéronse os berros dos estudiantes contra a Falanxe e contra o réxime. O público acollía a manifestación cun grande alborozo, con signos emocionantes de simpatía. Os estudiantes antifranquistas foron donos ese día das rúas céntricas da capital durante preto dunha hora. O tráfico foi paralizado por completo na rúa de Alcalá”.

Doc.3.-O líder sindical Marcelino Camacho lembra as orixes das Comisións Obreiras (CC.OO.):

“A cabalo entre 1956 e 1957 xurdiu e desapareceu, nun prazo breve, unha comisión na mina asturiana La Camocha, para defender unha asignación de carbón ós mineiros (…). Outras funcionaron en diversos lugares como Euskadi, Cataluña, Valencia, Andalucía, etc., sempre de forma fugaz e variada composición (…). En Madrid iniciouse unha nova fase de Comisións Obreiras que se caracterizou polo carácter permanente desas comisións elixidas en asembleas (…). Decidíramos servirnos da Escola Sindical de Enlaces (…) como un medio para nos coñecer e estender os nosos contactos sobre todo coas grandes empresas do metal”.

Doc.4.-En 1974, o Partido Comunista de España inspirou a formación da Xunta Democrática, na que se agrupaban diversas forzas de oposición que aprobaron o seguinte programa:

“1.-A formación dun goberno provisional que substitúa ó actual (…).

3.-A legalización dos partidos políticos sen exclusións.

4.-A liberdade sindical e a restitución ó movemento obreiro do patrimonio do Sindicato Vertical.

5.-Os dereitos de folga, de reunión e de manifestación pacífica.

6.-A liberdade de prensa (…).

8.-A neutralidade e a profesionalidade, exclusivamente militar para a defensa exterior, das forzas armadas.

9.-O recoñecemento, baixo a unidade do Estado español, da personalidade política dos pobos catalán, vasco e galego e das comunidades e rexións que o decidan democraticamente.

10.-A separación da Igrexa e do Estado (…)”.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • A oposición ó franquismo como combate contra un réxime autoritario instaurado mercede ó seu triunfo nunha guerra civil.
  • A diversidade das formas de organización e loita da oposición á dictadura franquista, desde a guerrilla ata a articulación de forzas políticas.
  • A evolución cronolóxica dos movementos de oposición en función dos diferentes contextos, desde a posguerra ata os preludios da transición democrática.
  • A variedade dos ámbitos nos que se manifestou a oposición: estudiantes, traballadores, partidos políticos…
  • As liñas políticas inspiradoras e conductoras da oposición, destacando o protagonismo no interior do PCE

SETEMBRO 2001

OPCIÓN 1

Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre a instauración e institucionalización do réxime franquista. Comezada durante a guerra civil marcando as diferencias coa democracia (Doc.1), nos seguintes anos diferentes textos legais van conformando o réxime: a implantación do sindicalismo vertical (Doc.2), a creación dun seudoparlamento á medida (Doc.3) ou a codificación de dereitos e deberes dos españois (Doc.4) son exemplos representativos. Por último, no Doc.5 amósanse algúns dos instrumentos e apoios que serviron ó franquismo na súa consolidación.

Doc.1.-Discurso de Francisco Franco (18 de xullo de 1938), en conmemoración do Alzamiento Nacional:

“Correspóndenos a paladinaxe dunha fe, unha civilización e unha cultura gravemente ameazadas polos principios roxo-comunistas (…).

Á irresponsabilidade política dos partidos liberais, sucede a unidade da nosa Cruzada, organicamente constituída; a un Estado neutro e sen ideais, sustitúelle o misional e totalitario, que orienta ó pobo sinalándolle o camiño (…).

Hai que soldar ó pobo, dividido polos partidos, hai que unir medio século de separacións; hai que borrar os prexuízos da loita de clases; (…) hai que elevar os principios do Movimiento”.

Doc.2.-Lei sobre unidade sindical (31 de xaneiro de 1940):

“Tres son os principios que inspiran a Organización Nacional-Sindicalista prevista polo Fuero del Trabajo, reflexo fiel da organización política do Novo Estado, a saber: Unidade, Totalidade e Xerarquía. Haberá, pois, segundo precepto do Fuero, unha soa orde de sindicatos, nos cales serán encadrados tódolos factores da economía por ramas da producción ou servicios.

Artigo primeiro.-A Organización Sindical de F.E.T. y de las J.O.N.S. é a única recoñecida con personalidade suficiente polo Estado, quen non admitirá a existencia de ningunha outra con fins análogos ou similares”.

Doc.3.-Lei de creación das Cortes Españolas (17 de xullo de 1942):

“Continuando na Xefatura do Estado a suprema potestade de dictar normas xurídicas (…), o órgano que se crea significará, á vez que un eficaz instrumento de colaboración naquela función, principio de autolimitación para unha institución máis sistemática do poder (…).

Art. 1.-As Cortes son o órgano superior de participación do pobo español nas tarefas do Estado. É misión principal das Cortes a preparación e elaboración das leis, sen prexuízo da sanción que corresponde ó Xefe do Estado.

Art. 2.-As Cortes compóñense de Procuradores natos e electivos, a saber:

a) Os ministros.

b) Os conselleiros nacionais de F.E.T. y de las J.O.N.S.

c) Presidente do Consello do Estado (…).

d) Os representantes dos Sindicatos Nacionais.

e) Os Alcaldes das cincuenta capitais de provincia (…).

f)  Os Rectores das Universidades (…).

i) Aquelas persoas que pola súa xerarquía eclesiástica, militar, administrativa ou social, ou polos seus relevantes servicios a España, designe o Xefe do Estado, en número non superior a cincuenta”.

Doc.4.- Fuero de los Españoles (17 de xullo de 1945):

“Art. 1.-O Estado español proclama como principio rector dos seus actos o respecto á dignidade, a integridade e a liberdade da persoa humana, recoñecendo ó home, en canto portador de valores eternos e membro da comunidade nacional, titular de deberes e dereitos (…).

Art. 2.-Os españois deben servicio fiel á Patria, lealdade ó Xefe do Estado e obediencia ás leis (…).

Art. 6.-A profesión e práctica da relixión católica, que é a do Estado español, gozará da protección oficial. Ninguén será molestado polas súas crenzas relixiosas nin o exercicio privado do seu culto. Non se permitirán outras cerimonias nin manifestacións externas que as da relixión católica (…).

Art. 10.-Tódolos españois teñen dereito a participar nas funcións públicas de carácter representativo, a través da familia, o municipio e o sindicato (…).

Art. 12.-Todo español poderá expresar libremente as súas ideas mentres non atenten contra os principios fundamentais do Estado”.

Doc.5.-Dionisio Ridruejo, ex-falanxista posteriormente represaliado polo réxime, exprésase así na súa obra Escrito en España (1962):

“Os grupos económicos atribuíanse con todo acougo o seu lote de soberanía. A Igrexa tomaría o seu. O Exército –anque oficialmente incluído, home a home, no Partido único- absorbería a súa porción, exercendo o control dos instrumentos executivos, e ficaría constituído en forza básica e arbitral. O Partido único proporcionaría o persoal político por xunto e representaría docilmente o papel de pobo na función (…). Pola súa banda, o poder persoal, establecido como clave de arco (…), esponxaríase nunha camarilla reclutada entre os máis fieis (…).

En rigor, a guerra non producira poderes novos. Máis ben repuxera no seu sitio, libres de coidados, ós pdoeres antigos, destruíndo aqueles outroa que os ameazaban”.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN
  • A instauración do franquismo como resultado da guerra civil, salientando a súa vocación antidemocrática e totalitaria (Doc. 1) e o seu carácter de reacción fronte ó réxime anterior.
  • A construcción e institucionalización do réxime, destacando os ámbitos tratados nos documentos: implantación do sindicalismo vertical (Doc. 2), creación dun pseudoparlamentarismo que non impide a concentración de poderes (Doc. 3) e a forte limitación dos dereitos civís, das liberdades e dos mecanismos de representación que implica o Fuero de los Españoles (Doc.4).
  • Os grupos sociais, políticos e insitucionais que apoiaron ó franquismo e foron privilexiados por el, mencionados en tódolos documentos e explicitamente tratados no Doc. 5.
  • É pertinente que aparezan referencias a asuntos que, non sendo especificamente citados nos documentos, forman tamén parte do proceso de instauración da dictadura: outras medidas lexislativas, represión da oposición…

OPCIÓN 2

Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre o desenvolvemento económico español no século XIX, centrando a atención na industria. Como punto de partida, o Doc.1 chama a atención sobre o contraste centro-periferia. O Doc.2 permite comentar as características do desenvolvemento ferroviario español, tanto no seu papel de artellador do mercado interior como de incentivador de diversas actividades económicas, mentres os Docs.3 e 4 atenden respectivamente a dous sectores clave, como son o siderúrxico e o téxtil. Por último, o Doc.5 complementa a información subministrada nos anteriores e permite realizar unha valoración global do desenvolvemento decimonónico.

Doc.1.-En 1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir de motor do desenvolvemento económico español:

“Cabalmente temos en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o noso desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas extremidades; o centro está exánime, fraco, frío, pouco menos ca morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de España. Londres é digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na actividade, na vida da que rebordan aquelas cidades vedes as indispensables condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en tódolos arredores a longuísima distancia nada parello atoparedes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio”.

Doc.2.-O seguinte mapa amosa as liñas ferroviarias construídas en España entre 1848 e 1868:

índice

Doc.3.-Principais instalacións siderúrxicas en 1866:

índice2

Doc.4.-Importación de algodón en rama pola aduana de Barcelona (en milleiros de toneladas):

índice3

Doc.5.-O historiador Gabriel Tortella valora así o esforzo industrializador na España do século XIX:“Hai no século XIX español un número elevado de esforzos a prol da modernización do país. Por unha banda temos os esforzos privados da clase empresarial catalana por crear unha base industrial no principado. Por outra están os repetidos intentos progresistas por sentar as bases políticas e lexislativas dunha sociedade moderna, é dicir, industrializada e tecnificada. O século XIX non foi en España de absoluto estancamento: en Cataluña, e en especial en Barcelona, desenvolveuse unha notable industria; o país levou a cabo a desamortización e a construcción da rede ferroviaria; reformouse a educación, o sistema monetario e bancario, os impostos; instituíuse definitivamente o orzamento; sentáronse as bases da industria siderúrxica, etc. Pero en total a tan cacarexada revolución industrial non tivo lugar”.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN / CORRECCIÓN

  • A localización esencialmente periférica da industria española, os desequilibrios rexionais que presenta e a inexistencia dunha capital política válida para promover o desenvolvemento económico español (Doc.1).
  • A importancia do ferrocarril (Doc. 2) como medio de articulación dun mercado nacional, lastrado no caso español polos criterios seguidos no deseño da rede e as dificultades que o seu desenvolvemento atopou.
  • Os sectores siderúrxico e téxtil (Docs. 3 e 4) como exemplos de desenvolvemento industrial, atendendo á súa localización xeográfica e evolución.
  • Valoración global do esforzo industrializador na España do século XIX, aludindo á controversia historiográfica sobre a cuestión.
  • É pertinente que aparezan alusións a asuntos non mencionados nos documentos, pero que se vinculan ou condicionan o desenvolvemento industrial: o debate librecambismo/proteccionismo, o desenvolvemento da banca, a escaseza de materias primas, o deficiente mercado interior…
Advertisements